29 nov. 2009

A imaxe dunha Universidade de contrastes -outra de PDI-

A Universidade de Vigo ten aspecto das cidades dos países en vías de desenvolvemento. Hai unha minoría pequena que detenta -dígoo ben, detenta- a meirande parte dos recursos e unha maioría que apenas ten posibilidades de cambiar o seu status e progresivamente perde peso relativo e está máis enfraquecida.
Penso en moitas Facultades e Escolas novas para as que non hai relevo xeracional. Eu mesmo pertenzo a un centro no que apenas hai unha ou dúas persoas por debaixo dos 30 anos desenvolvendo as súas teses. Porque a mensaxe que lle temos que dar é que non hai oco para eles. Non hai oco porque non temos capacidade de crecer, non somos competitivas/os. Non hai oco non porque non haxa necesidades docentes, senón porque estas se cubren con técnicas perversas que producen que a xente estea ateigada de docencia. Como a miña Facultade hai moitas outras, auténticos eirais vítimas dun programa Excel feito para que moitas áreas de coñecemento non poidan desenvolver a súa actividade investigadora acaídamente.
Poño o exemplo do grupo de investigador que liderou e vai liderar nuns meses de novo Alberto Gago. Un grupo que aproveitou nos anos 90 outras políticas máis reflexivas que lles permitiron medrar e chegaren a ser o bo grupo que son hoxe. A moitos se nos negou esta posibilidade e se nos segue a negar. É a falsa competitividade que parte de desigualdades de orixe.
Outra vez meu caso: pertenzo a unha área de coñecemento -por certo, concordo coa difuminación das áreas de coñecemento- na que hai unha alta percentaxe de profesorado asociado, pero non temos marxe de crecemento por cadro de persoal: é iso lóxico? Aínda máis, unha área na que no último ano se pechou un máster profesionalizante e un curso de doutoramento porque, sinceiramente, fixemos o que nos suxerían as políticas de profesorado e posgrao. Ë dicer, pechar as actividades que non eran as nosas obrigas docentes e interferían na nosa actividade investigadora. Claro: non era o noso traballo, o noso traballo é dar clase nos vellos primeiro e segundo ciclo e non no posgrao.
Non son exemplo de nada nen espello da Universidade. Pero sinto mágoa de ver como o Goberno contempla ensimismado estas inxustizas. Ensimismado ou aplaudindo como os máis pequenos van ficando atrás para sempre?

E ti ¿que opinas?: fai CLICK aquí e dime

Opina o que queiras do que queiras pero sempre... con cabeza!

28 nov. 2009

Outra de profesorado: tres necesidades obxectivas

Auditoría, RPTs e dereitos de participación e liberdade sindical.
Tres expresións para endereitar o rumo.
Primeira: a UVigo precisa dunha auditoría de PDI para coñecer como están as cousas e cara onde hai que camiñar. Probablemente externa, para que non haxa sospeitas. Para coñecer con obxectividade que necesidades hai máis urxentes e como procurar equilibrios. Por que non se fai? A alguén lle preocupan os resultados que poida arroxar?
Segunda: hai que ter RPT de PDI. Por que non se ten?, Por que o POD xamais foi unha RPT? Que condicionantes fácticos o impiden? Hai alguén interesado en que non haxa RPT? Por que hai RPT de PAS e non de PDI?
Terceira: na Universidade non se respetan os dereitos de participación e de negociación colectiva das representacións unitarias de PDI e das organizacións sindicais. Ninguén se decatou de que se está a vulnerar o contido adicional da liberdade sindical? A ninguén lle importa?
En positivo: comprométome a que haxa auditoría externa, a que haxa RPT e a que se teñan en conta os dereitos de liberdade sindical e participación.

Expectación ante a proclamación oficial da candidatura de Jaime Cabeza


Tres días antes da proclamación oficial do candidato de Nova Universidade xa estamos percibindo interese dende os medios polo feito.

23 nov. 2009

DESGRAVACIÓNS, 2ª PARTE

A linguaxe ten estas cousas. Fíxoseme o comentario de que "desgravacións" era un termo de dereito tributario e leva razón quen o dixo. Pero é certo que a analoxía é moi expresiva.
Pero, desde outro punto de vista, "desgravación" para a páxina excel que nos goberna é un caixón de xastre no que entra todo o que a páxina excel non quere que estea considerado como docencia.
Falemos en positivo: para Nova Universidade, "desgravacións" é un termo residual que unicamente corresponde a conceptos moi excepcionais. O demáis -docencia oficial, incluíndo organización da mesma, traballos de fin de máster, dirección de teses...- non é desgravación, son tarefas docentes que hai que considerar. O que lle adica tempo a estas funcións non ten desgravacións, simplemente desenvolve labor docente que hai que considerar na planificación.
A partir de ahí: deixar de dar docencia non debe ser un premio aos bos investigadores/as. Non entendo que haxa que desgravar docencia por desenvolver labor investigador. Temos a dobre condición -docencia e investigación- que hai que gardar equilibradamente. Deixar de dar clases non é premio, é deixación de obrigas. É bon que as persoas boas investigadoras transmitan os seus coñecementos. Logo, pretenderán ter quinquenios e complementos autonómicos por labor docente!
En positivo: os cargos de xestión deben ter desgravacións, non cabe dúbida, pero coido que hai que ser restritivos. Entendo que a desgravacións por titularidade de vicerreitorías non debe superar as 150 horas, que as xefaturas de área non deben ter máis de 60 horas de desgravación. Eu mesmo, no caso de ser reitor, quixera manter algo de docencia, por exemplo 30 ou 60 horas, coido que é necesario. En definitiva, eu restrinxiría as desgravacións por cargo docente. E mantería as de directir/a de departamento.
Logo hai cuestións que deben ser non tanto desgravacións como amortización definitiva de parte das obrigas docentes. Nesta liña, hai que incentivar que as persoas de máis de 60 anos opten por seguer en activo. Para iso, é necesario flexibilizar algo as súas obrigas. Na miña opinión, habería que reducirlles a docencia, mesmo con posibilidades de xubilación parcial -xa está para os laborais, falta o desenvolvemento regulamentario en clases pasivas do Estado-.
En definitiva, hai que adelgazar o concepto de desgravación e chamarlle ás cousas polo seu nome: a docencia non é desgravación.
Por suposto, este cambio obriga a un proceso construtivo no que se entre na análise das situacións dos distintos ámbitos. A conclusión, a priori, é obvia: non hai que agachar déficitis de profesorado con conceptos residuais que ocultan a realidade da situación do cadro de persoal da nosa Uni.

pasado, presente e futuro de alumnos destacados da Uvigo

1

2

20 nov. 2009

DESGRAVACIÓNS DOCENTES

É un dos elementos máis curiosos das normas que artellan as obrigas docentes do PDI. Para o programa Excel que goberna as obrigas docentes e o cadro de persoal da UVigo desgravación é todo aquilo que non é docencia nas vellas diplomaturas e licenciaturas e nos novos graos. Polo tanto as demáis tarefas docentes oficiais entran neste amplo e escuro concepto do que se deduce que non se precisa más cadro de persoal no universo en expansión das desgravacións. Tamén, por suposto, outros conceptos, como as desgravacións por cargos académicos. Ou proxectos fin de carreira. Ou certos proxectos financiados.
A primeira idea resulte evidente: chamándolle desgravacións ás docencias en posgrao se produce un achatamento das necesidades de persoal. Hai tempo que desde a Reitoría se lanzou a consigna de que o crecemento por POD estaba esgotado. Claro, facendo contas ao antollo do que quere que estea esgotado, o estará, sen dúbida. Non haberá bos posgraos, pero se conterá a plantilla.
A segunda é obvia: hai que diferenciar as reduccións de docencia estruturais das conxunturais. Poñamos un exemplo: se un PDI ten descontamento por sexenios, o vai ter para sempre. É absurdo calcular a súa docencia teórica contando o que xamais vai dar.
A terceira ten moito interese: estase a lanzar a idea de que a desgravación é un premio. Aos profesores/as con máis méritos se lles premia con menos clases. Coido que é un incentivo perverso: a mensaxe é que dan clase os profesores mediocres, os bos non. Nesta liña, habería que preguntarse por que se desgrava por proxectos financiados externamente: para que a docencia non amole aos bos investigadores?
A cuarta é moi curiosa: ninguén se decatou que cada vez máis as desgravacións por cargo teñen un carácter máis político e de pagamento de fidelidades? Eis as desgravacións que se incrementan: as vicerreitorías e as xefaturas de área. Mesmo chegamos ao absurdo de que desgravan máis as xefaturas de área que as direccións de departamento.
E unha idea conclusiva: as desgravacións é o ámbito no que unha Universidade ten máis autonomía para engadir ou diminuír carga docente. Coido que en épocas como a actual non se deberían ampliar certas desgravacións.
En resumo: outro bodrio máis pasado en Consello de Goberno. Houbo reflexión ao respecto? Pouca, moi pouca. Iso si: pagáronse favores.

O "descuelgue salarial" tratado nas xornadas celebradas na Confederación Empresarial de Ourense

18 nov. 2009

EL CHIRINGUITO

El Chiringuito, el chiringuito El Chiringuito, el chiringuito Yo tengo un chiringuito A orilla de la playa Lo tengo muy bonito Y espero que tu vayas.
Está claro que falo de másters profesionalizantes. De que se non? Da executoria da UVigo nos mesmos non toca falar hoxe. Unicamente de profesorado e de criterios de POD.
O pensamento de Nova Universidade e o meu individual neste tema son ben coñecidos. Xa o dixen onte: unha hora de docencia oficial conta, como non vai contar? Conta e nada máis. Xa que logo, conta e non se paga, se está dentro dos límites de carga docente de cada PDI. Pagar é un dos xeitos máis evidentes de malversar cartos que ten a Universidade de Vigo. Como se lle pode pagar a alguén por algo que está dentro das súas obrigas de xornada? Outra cousa é que se excedan os límites.
Eu dimitín do meu cargo de coordenador dun máster profesionalizante pola miña discrepancia de fondo cun sistema que impide xermolar másters competitivos nos centros con maior carga docente.
As normas de POD que se van presentar mañá nun sistema "flexible" permiten un cómputo extraordinariamente limitado de horas de máster profesionalizante, moi lonxe dos mínimos esixíbeis e que non vale máis que para lavar a cara de algúns. Que se poidan planificar másters solventes require adicación e tempo, non tanto cartos. E, logo de despaxar as incógnitas matemáticas do documento de normas POD, un se atopa con que é na práctica case inviábel optar por cómputo de xornada.
Por certo, que computen minimamente, aínda nas ratios ridículas que mañá se van presentar obrigaría a alguen a dimitir, que declarou reiteradamente que non pasaría por un sistema de cómputo. Ninguén se lembra?

Xuntanza con secretario Xeral de Universidades e co director da ACSUG


Onte houbo dobre encontro co director da ACSUG e o secretario Xeral de Universidades en Santiago de Compostela. Así o recolleron algúns medios de comunicación. Faro de Vigo, con foto na parte inferior esquerda da páxina, Diario de Pontevedra e a Rexión.






CIG denuncia o despilfarro

17 nov. 2009

NORMAS DE POD: OS FÍOS DUN TITIRITEIRO

Mágoa para o Goberno da UVigo que o persoal docente non sexamos monicreques! Vou adicar un pequeno feixe de entradas os vindeiros días para explicar por que as normas de POD que se presentan a aprobación no Consello de Goberno do xoves son inaceptabeis. E, ao mesmo tempo, a bosquexar as que serán algunhas das liñas mestras da nosa política de profesorado. Con fórmulas que se entendan doadamente, e que non se pretenden agachar debaixo dos tecnicismos dunha páxina Excel.
A primeira norma elemental á que ten que respostar unha política de profesorado é a de respectar as reglas de xogo. E de entre elas, unha hora de docencia ten que ser unha hora de cómputo. Coido que se chegou a un acordo na mesa sectorial de Universidades para que a asignación máxima de horas presenciais por profesor/a sexa de 240 ao ano. Supoño que coincidimos en que a salvagarda do pactado debe ser un eixo fundamental dunha acción de Goberno responsábel. Pois ben, logo as normas de POD deciden que se vai contar nas 240 horas e que non se vai contar. O que supón tanto como converter en papel mollado o acordo acadado na mesa sectorial.
A proposta do equipo de goberno é, xa que logo, intrínsecamente fraudulenta. Que é iso de que unhas horas computan e outras non, outras computan determinadas percentaxes e outras unha percentaxe distinta? É, ademáis de escurantismo deliberado, unha evidente laminación dos dereitos profesionais do persoal docente.
Hoxe non vou falar de desgravacións, iso o outro día, pero as horas impartidas non son desgravacións, son horas impartidas. Pero, desde logo, o que se vai presentar á aprobación do Consello de Goberno do xoves provoca que unhas persoas teñan moitas máis obrigas docentes ca outras. É claramente inxusto e moi dubidosamente legal. Estou certo de que as organizacións sindicais que asinaron o acordo sectorial van estar en desacordo coas normas de POD. Pero teño a seguridade de que tamén o van estar todas as persoas que teñan unha mínima capacidade crítica.
A primeira receita é obvia: a docencia nos estudos oficiais da Universidade computa nos límites máximos de docencia do profesorado universitario. Outra alternativa implica defraudar os dereitos profesionais das persoas.

a xerenta e a súa nómina

13 nov. 2009

PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR: IMOS Á TOA


Hai una frase célebre dun xuíz norteamericano verbo da utilización da proba estatística que dí que os xuíces utilizan dita proba do mesmo xeito que os borrachos utilizan os farois: para sosterse, non para alumearse. Algo semellante habería que dicir da ferramenta do Plan de Ordenación Docente –POD- na nosa Universidade: nas mans do equipo de goberno, endexamais valeu para planificar, unicamente para soster decisións pouco xustificabeis e algunha que outra arbitrariedade.

O cadro de PDI non se xestiona cun programa Excel. A xestión das persoas é algo máis complexo, que require de planificación a curto, medio e longo prazo. Non vale a improvisación permanente da que hai tempo veñen facendo gala nosos vicerreitores/as d e profesorado. Este ano se nos prometeu un plan estratéxico de profesorado, que se sometería ao Claustro ao longo do 2009. Pero o sorprendente sería que cumpliran algún compromiso! Teño que confesar que someteron á consideración de Nova Universidade un documentiño que non merece máis comentarios. Unicamente que nin siquera daba a talla de “documento”, e moito menos de “estratéxico”. Teño a impresión de que o gardaron no caixon e, para o que era, case mellor.

Namentres, un ten que escoitar a algúns gabándose da extraordinaria política da UVigo cos Pargas Pondais, como sucedeu hoxe en Ourense. A autocomplacencia entra de cheo no ridículo e no insulto á intelixencia das persoas. Seica haxa algún futuro para esas persoas, pero moi dubidosamente se o fían á “xestión” dos que agora nos gobernan. E aínda por riba a “estratexia” de “Alternativa” semella que pasa por engordar máis a bola de neve dos Parga Pondais a costa das figuras de profesores axudantes, especie a eliminar segundo seu pensamento. E, se non, que se comproben as normas de POD dos últimos anos. Alguén ten claro onde hai que consolidar cadro de persoal?, haberá alguén que entenda que hai ámbitos deficitarios de profesorado?, non entende o Goberno da Universidade que está axigantando a desproporción?, cando alguén vai facer política de persoal de verdade?

Hai moitos centros que non teñen relevo xeracional. Hai áreas de coñecemento zombis, por mor de políticas de depauperación progresiva que convirten unha enorme percentaxe da nosa institución nun eiral. A responsabilidade do equipo de goberno, pola súa nefasta xestión de persoal, é inmensa. E inmenso é o desánimo dos moitos/as que non pertencen á minoría para a que goberna Gago e o seu equipo.

8 nov. 2009

EN DEFENSA DO GRAO EN COMERCIO

Como nun xogo de monecas rusas, seguen os impedimentos para que a Escola de Torrecedeira poida ter o seu Grao en Comercio. Os acontecementos destes últimos días son propios do teatro de Bertolt Brecht: emerxe un proxecto de grao semellante no Campus de Lugo sen que caiba en ningún caso que haxa duplicidades na Universidade galega. E, por suposto, o reitor saínte, campeón na defensa dos intereses da nosa institución –da de Vigo, que é a única que lle importa, segundo a súa opinión- traslada a responsabilidade á dirección da Escola, para que modifique o seu proxecto. Debe ser que non lle cabe dúbida de que o Campus de Lugo ten prioridade por riba do de Vigo, por escuros motivos que nós non chegamos a entender.

Aconsello a lectura dunha entrevista que hoxe lle fai o Faro de Vigo ao Conselleiro de Educación, que abre as portas a que haxa duplicidades. Segundo a súa opinión, ás veces ten que haber “Facultade A e Facultade B” isto é, máis dun centro en Galiza que imparta a mesma titulación. Pódese ou non se pode? Cando e cando non? Que criterios son decisivos para admitir duplicidades? Quen decide? Comercio ten ou non ten demanda social a eses efectos?

Ata agora o resultado resulta grotesco: do feixe de titulacións que se van a impartir no eido das Ciencias Económicas e da Empresa, a que amosa problemas é a que espertou máis hostilidades no reitor saínte, que xoga como un tafur as súas cartas no Consello de Universidades. O que importa xa non é a Universidade galega –que a el endexamáis lle importou-, nen, por suposto, a Universidade de Vigo. O único que importa son as súas vindicacións personais e o esmagamento do discrepante. Ao prezo que sexa.

Como dí a canción, “el silencio, cobarde, apaña la maldad que oprime”. A xente boa e xenerosa non pode estar, neste caso, máis que coas persoas perseguidas, que nesta historia son as que se opuxeron ao proxecto de peche para sempre da Escola de Torrecedeira. E, por suposto, coa consolidación duns estudos, os de Comercio, que a nosa cidade vive como propios desde hai xeracións. Pero a memoria colectiva é para moitos ese incómodo compañeiro de viaxe.

Señor reitor, a dignidade do seu cargo impón máis altura de miras. Téñaa por una vez.

5 nov. 2009

NOMINAZAS E NOMINILLAS

Os traballadores da Universidade de Vigo, sorprendémonos hoxe, nos nosos buzóns, cunha carta asinada pola Xerente da Univesidade de Vigo, informándonos de que, a partires de agora, recibiremos as nosas "nominillas" (sic) en formato electrónico. A Pulpeiro traicionouna o seu subconsciente, e o certo e que ten toda a razón: hai nominazas, como a súa, e "nominillas", como a dos traballadores da nosa Universidade. Porque sempre houbo clases, tamén na UVigo.

3 nov. 2009

COUSAS QUE IMPORTAN.- COMPLEMENTOS ESPECÍFICOS E GRATIFICACIÓNS EXTRAORDINARIAS

Son un dos funcionarios demandantes na demanda que unha pluralidade de persoas diriximos contra a Universidade de Vigo en solicitude de que se recoñeza o dereito á toma en consideración íntegra do complemento específico nas pagas extras, incluíndo xa que logo quinquenios, sexenios e complementos por cargo académico. Un de tantos e tantas que reclamamos o que consideramos noso dereito económico. Quero agradecerlles ás persoas que están liderando esta reclamación o seu esforzo xeneroso.

Cando os conflitos se xudicializan, non cabe estar certo dun resultado determinado, por máis que un entenda que a reclamación é xusta e xurídica. Cabe, iso si, lamentar que non sexamos quen de arranxar este problema por canles extraxudiciais cando unha ollada panorámica á Universidade española amosa que a maioría das institucións veñen aboando completo o complemento específico nas gratificacións extraordinarias. Ou cando menos cabe dicir que é una mágoa que o reitor saínte manifeste que “descoñece prácticamente todo” deste asunto. Ao mellor é que ninguén lle presentou ata agora una reclamación ao respecto! O desinterese da parte recurrida e demandada é, xa que logo, grande de máis.

Precisamos urxentemente dun cambio de actitudes. Xa abonda de prepotencia! A desinformación e desinterse do reitor é un insulto ás organizacións sindicais e as estruturas representativas que xa hai tempo veñen chamando a atención do que consideran os dereitos económicos do PDI.

Eu, desde a humildade, xúrovos que cando menos tería negociada a cuestión xa hai tempo coas ditas entidades representativas. E comprométome a non intepretar na liña máis restritiva posíbel a normativa do PDI e do PAS. A “prudencia” do goberno é ben compatíbel con solucións legais, negociadas e que favorezan unha fluída interlocución en defensa dos dereitos profesionais de toda a comunidade universitaria.

Pargas Pondais

A raíz do artigo que publiquei o pasado sábado no blog, naceu a colaboración que sae hoxe publicada en La Voz de Galicia e que en canto poida subirei ó blog.
Deixo o enlace ó artigo do blog do sábado.

2 nov. 2009

¿De que se fala na prensa dixital?

10/10/09 - Faro de Vigo - La obligación de un rector es buscar complicidades y Gago ha hecho lo contrario
11/10/09 - Blog Antonio Baylos - Un nuevo blog jurídico-universitario: Jaime Cabeza
21/10/09 - Vigo al minuto - El rector de la Universidade de Vigo no se presentará a la reelección
22/10/09 - La Región - Nova Universidade atribuye a tensiones internas la decisión del rector Gago de abandonar
24/10/09 - Atlántico Diario - Cabeza inicia su carrera al Rectorado tras presentar su diario en internet
24/10/09 - La Región - O candidato a reitor Jaime Cabeza presenta as súas propostas cun novo blog
24/10/09 - Faro de Vigo - Querido blog: A 7 meses de las elecciones...
24/10/09 - La Voz de Galicia - El candidato de Nova Universidade lanza un blog
28/10/09 - La Voz de Galicia - El candidato a rector Jaime Cabeza advierte de que el campus de A Xunqueira tiene «carencias estructurais»
28/10/09 - Faro de Vigo - Cabeza dice que "máis pronto que tarde" se hará el Edificio das Artes
30/10/09 - Faro de Vigo - El coste de la gerencia de la Universidad de Vigo duplica los salarios de la de Santiago
31/10/09 - Diario de Pontevedra - Es una pena que el campus tenga tan poca relación con el ciudadano

Queda algo relevante na UVigo para o reitor saínte?


O Reitorado négalles ós profesores unha parte das pagas extra


Abrimos tres novas seccións no blog

A vontade deste blog é que vaia medrando coas aportacións de todos, e como parece que cada vez máis xente se anima a participar, decidimos abrir tres novas seccións nas que iremos engadindo o material que nos vai chegando:

- Malestar alumnos
- Malestar PAS
- Malestar profesores

Se queres participar coas túas queixas, dúbidas, suxestións nesta sección, envíamo á dirección jaimecabezablog@gmail.com

Falando dos proxectos para o campus de Pontevedra