13 dic 2009

Unha historia, desde Chile

Hoxe pasei un día de turismo extraordinario. Cheguei a Chile o xoves e hoxe tocou día libre. Leváronme a Valparaíso, que me pareceu unha cidade extraordinaria, con certas semellanzas coa Lisboa vella. Tamén a Viña del Mar e, à tardiña, achegámonos a Isla Negra. Pero, alén da xeografía e a historia dun país especial -onte achegueime á Casa de la Moneda- quixera comentar, unha vez máis, a historia da epopeia da emigración. Meu anfitrión chileno -un profesor ao que tiven a sorte de dirixirlle a tese- é fillo de galegos que chegaron aquí nos anos cincuenta. Hai unha pequena colonia en Santiago, case todos eles profesionais de panaderías. Onte tiven unha cea coa familia deste amigo meu, coa lembranza lonxe dun país que quedou atrás, un país de miseria, pero que aínda recoñecen como seu. Que magoa que tantos marcharan e canto se perdeu coa súa marcha. Xente que hoxe pertence a unha sociedade e a un país modernos, que xa fixo contas co seu pasado -non coma nós- e que mañá comeza a rolda eleitoral para sustituír a unha presidenta extraordinaria. En todo caso, queda a honra do moito que eles están a contribuír e que o noso pobo enxendrou unha xeración de profesionais, espallados por latinoamérica que non respostan xa aos mitos que, desde Galiza, ás veces con envexa, moitas veces construímos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.