7 ene 2010

BOAS NOVAS NA SEGURIDADE SOCIAL: PRESTACIÓN POR CESAMENTO DE ACTIVIDADE DO TRABALLO AUTÓNOMO

O día 23 de decembro pasado o Consello de Ministros aprobou un proxecto de lei polo que se lles recoñece ás persoas autónomas a prestación por cesamento de actividade. A eiva máis evidente ata hoxe do noso sistema de Seguridade Social, a inexistenza de prestación por desemprego para estes colectivos, vai ser superada. É por iso que o proxecto ten que ser saudado como unha moi boa nova.
Non todo son acertos no proxecto. Non vou entrar nestas letras nos seus aspectos técnicos, pero si vou por de manifesto algún dos seus problemas e dos erros do noso sistema. Desde hai anos, e en comuñón coa Estratexia Europea de Emprego, a lexislación e a acción do Goberno tenta fomentar o autoemprego como ferramenta de empregabilidade e loita contra o desemprego. Pero para que a ferramenta sexa eficaz, ten que aportarlle á xente seguridade. A seguridade é o lexema parte do termo “flexiseguridade” que os poderes económicos e financieros tentan esquecer –e consígueno-. Os paradigmas flexíbeis de emprego –dos que o traballo autónomo é un dos máis salientabeis- precisan da seguridade de que as persoas non sexan excluídas social e laboralmente.
O noso sistema de protección por desemprego non contempla ata hoxe protección para as persoas encadradas nos reximes de autónomos. E por enriba desincentiva aínda na actualidade e penaliza as iniciativas de autoemprego, con sistemas de incompatibilidades moi estritos, con extincións prematuras da prestación e con condicións gravosas para a capitalización da prestación. É un sistema que lanza ao colectivo beneficiario de cobertura económica a mensaxe de que non tenten establecerse por conta propia.
Neste estado de cousas me sorprendeu positivamente a lectura do proxecto, porque ten rasgos de modernidade e de boa cobertura. Entre outros, que sexa obrigatoria para todas as persoas que non teñan cobertura por estar en pluriactividade –agás por desgraza, o caso do traballo por conta propia no sistema especial agrario, isto é, a meirande parte do agro galego, as nosas labregas-. Porque ten unha cotización asumíbel no eido do réxime de autónomos –o 1’5 por 100, aínda con bonificación de medio punto-. Ou que siga os paradigmas estruturais do sistema de protección por desemprego no eido do traballo por conta allea.
Ten a súa faciana escura, desde logo. Eu salientaría dúas críticas: a primeira, a súa excesiva separación do sistema de protección por desemprego. O finanzamento e a xestión das dúas prestacións –de desemprego e de cesamento de actividade- non teñen nada que ver. Desde o meu punto de vista, sería aconsellábel introducir mecanismos de solidariedade entre traballo por conta allea e por conta propia na cobertura derivada de falla de ingresos do traballo. Isto é, unha especie de “caixa única” que protexera a ambos os dous colectivos. A segunda, referida a que non se protexe o mantemento da actividade, senón únicamente o cesamento. Sería bo admitir en certos casos e con certas esixenzas a compatibilidade entre traballo por conta propia e prestación, ao fin de darlle viabilidade ao negocio.
Son dúas críticas políticas, alén dun bo feixe de críticas técnicas que habería que engadir. Con todo, hai que saudar este proxecto de lei, de contido social necesario e longamente agardado. No noso caso, o tecido produtivo galego pode ser dos máis positivamente afectados por unha reforma protectora, que ademáis xurde en tempos de crise e desalento de tantos e tantas profesionais. Un vento de esperanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.