29 ene 2010

NOTA DE PRENSA: "CABEZA AGRADECE QUE AS ELECCIÓNS SE CELEBREN ANTES DOS EXAMES DE MAIO E XUÑO"




Jaime Cabeza amosa a súa satisfacción tras o encontro mantido esta mañá co reitor saínte, Alberto Gago, e co candidato doutro grupo polo feito de que, finalmente, as eleccións á Reitoría se desenvolvan segundo un calendario previamente consensuado, que logo terá que ser aprobado polos órganos competentes. Tamén, porque se produzan as votacións con anterioridade ao comezo dos exames de fin de curso.

Ademáis do calendario electoral, na reunión tamén se abordaron temas como as inauguracións previstas, sobre as que Cabeza recoñeceu a total lexitimidade por parte de Gago a darlles relevo, sempre que se limitasen a un plano estritamente institucional e contando cos representantes das dúas formacións que se presentan ás eleccións. Gago concordou con Cabeza en que invitaría aos dous candidatos pois a “Universidade é cousa de todos e un proxecto común” polo que seguirían a traballar todos os presentes.

Cabeza reiteroulle ao reitor o seu apoio incondicional en dúas cuestións estratéxicas como son o plan de financiamento e o campus de excelencia internacional cidade do mar. “Na universidade hai cuestións nas que estamos todos implicados, e estas son dúas básicas para Nova Universidade nas que estivemos e seguiremos estando nunha posición de consenso por riba da convocatoria electoral”.

O candidato de Nova Universidade dixo, en resposta a preguntas dos xornalistas, que este “tipo de reunións son moi positivas e unha boa práctica” de partida no proceso que se inicia. Neste senso, Cabeza sinala que Nova Universidade está a piques de rematar a elaboración do programa electoral e que nos últimos dous meses xa visitou máis da metade dos centros da Universidade Vigo. Igualmente Jaime Cabeza está a pechar o equipo co que concorrerá a estes comicios.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.