24 ene 2010

RESPONSABILIDADE SOCIAL E UNIVERSIDADE

Temos que introducir canto antes este debate na nosa institución, relativo á función social que debe desenvolver no contexto dunha sociedade e dunha economía globalizadas, como globalizadas están asemade a educación e investigación universitarias. A responsabilidade social tenta dar resposta aos aspectos máis vocacionais dunha entidade que quere algo máis que cumplir a normativa vixente. Quere establecer un código interno de mellora de aspectos esenciais das súas relación coa sociedade e co mundo.

A Universidade ten que ser modelo de bo goberno. Bo goberno implica moitas esixenzas. Entre outras, desde logo, unha xestión que se basee na transparencia informativa a todos os niveis e nunha acaída utilización dos nosos recursos. Como exemplo, na decisión e execución dos investimentos necesarios, na priorización duns ou doutros, na opción pola austeridade como sinal de identidade. E, polas connotacións tan especiais e estratéxicas, implica unha vocación fundamental pola sostibilidade. Sostibilidade social, no respeto polos dereitos individuais e colectivos. Sostibilidade medioambiental, no deseño de políticas de conservación dos recursos. E sostibilidade económica, cunha planificación e execución que garantan a eficiencia na asignación das achegas e na consecución dos obxectivos de docencia, investigación básica e transferencia de tecnoloxía.

Quixera insistir algo máis na sostibilidade social. A Universidade de Vigo debería ser modelo na xestión das persoas . Debería asumir unha vocación intensa polo coidado das carreiras académicas e profesionais e dos dereitos laborais dos seus servidores públicos. Debería concebirse como unha escola de democracia na que o estudantado vivira unha formación en valores cidadáns e de integración social. E debería erixirse como líder nos proxectos de cooperación internacional. Debería, en fin, concebirse como defensora radical dos dereitos fundamentais das persoas.

E tamén hai que insistir na sostibilidade medioambiental. Canto hai por facer neste eido de actuacións, alén da constitución deste cadaleito vivinte que ven sendo desde hai anos a OMA! Residuos, contaminación, impacto medioambiental, eficiencia no consumo enerxético son outras tantas disciplinas nas que non aprobamos ata o de agora por avaliación continua. Temos que facer un esforzo extraordinario para aprobar na convocatoria extraordinaria que aínda nos queda.

A responsabilidade social ten que ser máis que eixo programático. Ten que ser un concepto transversal que conxugue unha pluralidade de políticas que melloren a nosa institución e que fagan que nos sintamos algo máis enchidos por pertencer a ela. Non para fachendear diante de ninguén, senón para estarmos seguros de que contribuímos a deixar o mundo algo mellor de como está hoxendía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.