28 abr 2010

O EXEMPLO DE MARÍA EMILIA CASAS BAAMONDE

No barullo destes días relativo aos recursos de inconstitucionalidade contra o Estatuto de Autonomía de Cataluña e ás posturas amosadas pola clase política, eu únicamente quero expresar a miña solidariedade coa presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas Baamonde. O seu chamado ao respeto institucional que merece dito órgano é a expresión pública de preocupación dalguén que non ten un especial interese por expresar públicamente as súas opinión. Dunha muller que unicamente falou nos anos que leva no cargo a través das súas sentenzas.
A súa actitude pública sempre foi modélica. A vida é inxusta cando provoca, vg., que o presidente anterior deixara o cargo sen maiores críticas cando tivo unha inclinación máis forte a expresar nos tabloides as súas opinión. Por suposto, non quero criticar públicamente a un xurista tan grande como Jiménez de Parga, pero si expresar de xeito aínda máis nidio a discreción e celo polo cargo que sempre guiou as actuacións da actual presidenta.
Hoxe seu labor está escurecido pola liorta pseudo-xurídica do Estatuto catalán. Xurídicamente as cousas están claras: na prórroga dos cargos, os catro afectados polo cumprimento do seu tempo teñen plenas as súas funcións e non lles queda outra que manter as súas deliberacións. Se falleceu Roberto Calvo e non foi substituído, o Tribunal ten que manter en todo caso a súa función. E se foi admitida a recusación de Pérez Tremps, hai que xogar coa baralla incompleta da que se dispón.
Digo que o seu labor está escurecido. Pero cando pasen estes anos e María Emilia Casas seica estea de volta na súa cátedra da Universidade Complutense, lucerá a súa doutrina. Porque dela son moitos dos relatorios que desenvolveron tendenzas especialmente protectoras de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, a non discriminación, a liberdade sindical, a intimidade ou a liberdade ideolóxica, entre outros moitos. Nunha posición ás veces conflitiva co Tribunal Supremo, vai deixar unha xurisprudenza constitucional moito máis protectora dos dereitos fundamentais da que había cando accedeu ao seu cargo. A maxistrada fixo da súa vida, desde logo, un exercicio de defensa dos dereitos fundamentais, como peza básica do noso edificio xurídico e tamén da nosa convivencia. Moitas persoas lle estamos infinitamente agradecidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.