20 jun. 2010

TOMA DE POSESIÓN DO REITOR


O venres non estiven na toma de posesión de Salustiano Mato por compromisos previos que adquirira. Non é que eu sexa moi amigo de protocolos, pero a miña ausencia non foi nada política. Deséxolle, por suposto, éxito na súa xestión. E téndolle a man nesta primeira etapa para camiñarmos xuntos, na medida na que teña a ben incorporar á súa executoria as inquedanzas e os obxectivos estratéxicos que nós defendimos, defendemos e defenderemos.
Xa que logo, non escoitei as súas verbas. Iso si, leín os xornais. E o que leín non me gustou: o mesmo ensoberbecemento de sempre, a mesma insensibilide para os desequilibrios que ten a Universidade, a mesma teima da competitividade sen ter en conta a situación de partida, o mesmo desprezo á por eles chamada “ineficacia” –eludindo, por suposto, a pregunta de por que moita xente non é máis eficaz-. Claro que non hai que achacarlle en exclusiva ao novo reitor esa mensaxe. Ata vai parecer que o reitor saínte foi un gran reitor!
É por iso que enxergo certo desencontro. Porque a afinidade de pensamento que manteño co novo equipo se me semella moi pequena . Hai que manter a dignidade da nosa institución e sermos, cada vez máis, como os “brancosos” do Eloxio da Dignidade de Saramago: esa onda cívica inmensa de xente da que se sospeita sistemáticamente polo seu afastamento dun  poder cativo e miserento.
Porque aínda que sexamos unha Universidade inxusta non podemos connvertirmos nunha institución envilecida.

19 jun. 2010

O PAPEL DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS. COMENTARIO DO TEXTO DA REFORMA


Si  que quero pór branco sobre negro un par de comentarios verbo do RD-lei  10/2010, en vigor desde antonte. Pero antes quero que se me permita un pequeno comentario en defensa das organizacións sindicais de clase, estes días obxecto da  xenreira dunha sociedade acesa contra eles por falsos líderes mediáticos. É hora de que a xente de ben defenda as estruturas sindicais do Reino de España –UGT e CCOO-, á CIG e ás demáis organizacións representativas –sen esquecer outras, a CGT,  USO, a CNT…- E máis que as estruturas concretas, que defendamos un sistema de centrais fortes e representativas que poidan ser contrapuntos destes mostros globalizados que son as compañías multinacionais. Cantas veces se pon en dúbida a lexitimidade destas centrais e se lles ataca polo feito de seren subvencionadas! Como se non foran subvencionados os partidos políticos, as entidades non lucrativas e, moito máis, as entidades financieiras e as empresas. Cantos euros recibiu desde o comezo da crise o sector financiero por cada euro que chegou aos sindicatos? E cantos recibiron as empresas e cantos os sindicatos? Nesta hipocresía cósmica, semella que os únicos subsidiados son os que defenden á clase traballadora. Grazas, xa que logo, ás centrais sindicais, representadas nos cadanséus líderes, nestas horas nas que reciben como “xusta recompensa” da súa loita o desprezo e a incomprensión.
Xa adiantei a semana pasada miñas impresións xerais do borrador que o  Goberno remitiu ás partes sociais. Xa convertido en norma de urxencia, logo de certas innovacións interesantes, o xuízo é o mesmo, nos seus trazos xerais. Quixera salientar, porén, dous aspectos que me parecen positivos, que xiran ao redor das modificacións substanciais das condicións de traballo e o descolgamento salarial: o sistema de mediación-arbitraxe que incorporan paréceme acaído para mellorar algo a flexibilidade interna das empresas.
Todo o contrario do que penso verbo dos ERES suspensivos e do modelo alemán: unha reforma sen ningún interese que non vai valer para nada. O intervencionismo administrativo na suspensión é moito máis forte ca no despido. A mensaxe é clara ás empresas: a única ferramenta de xestión laboral é o despido.
En segundo termo, mellorou algo en relación co documento da semana pasada o tema da subvención do FOGASA do 40 por 100 ao se converter nunha ferramenta transitoria que vai desaparecer cando entre en vigor o fondo de capitalización inspirado no modelo austríaco. Con todo, seguimos ancorados na idea de subvencionar os despedimentos. Como se tivesen que ser subvencionados!
A xeralización do contrato de fomento da contratación indefinida ten efectos moi nocivos para a estabilidade no emprego a medio prazo. Como os ten, sen dúbida, o fondo de capitalización. As causas económicas, técnicas, organizativas e de produción para os despedimentos flexibilízanse aínda máis ca no primeiro documento. Diluíronse algunhas das poucas melloras que había canto aos contratos temporais. En resumo, todo flexibilidade de entrada e de saída.
Hai ou non hai motivos para unha folga xeral? Vémonos, desde logo, o día dos Arcanxos.

12 jun. 2010

BALANZO XERAL DA PROPOSTA DE REFORMA: MEU DEUS!

Onte á noite leín a proposta do Goberno da reforma laboral e as conclusións ás que cheguei son moi pesimistas. Desde logo, non se pode dicir que sexa, nen moito menos, unha peza normativa que caiba encadrar no concepto de boa gobernanza. Máis ben ao contrario: non resolve os problemas do noso mercado de traballo, senón que afonda neles. Non vai satisfacer ás organizacións sindicais e sospeito que tampouco á parte patronal. Non vai outorgarlle a ninguén máis seguridade xurídica, moito menos aos e ás traballadoras. E, claramente, non vai deter a espiral de destrución de emprego na que o Reino de España se afundiu desde o ano 2008.
Desde logo, as pequenas reformas na contratación temporal, máis se se teñen en conta as amplas e “xenerosas” disposicións transitorias, non van implicar que diminúa a contratación temporal. A suba da indemnización de fin de contrato a 12 días non é máis que unha volta ao que xa houbo ata 1994, precisamente cando máis creceu a temporalidade. E os retoques “decorativos” do contrato de obra e eventual non van ter maior trascendencia. Quizáis haxa que apuntar como reforma máis interesante unha pequena interpolación do tema do encadeamento de contratos temporais. En suma, moi poucos folgos para restrinxir a temporalidade.
No que se refire ao tema do despido, a reforma non vai satisfacer a unha patronal cortoplacista que non vai enxergar como a medio prazo as indemnizacións por fin de contrato van baixar moi substancialmente. Pero, para a clase traballadora, os cambios son demoledores: se os contratos se van facer en adiante como de fomento da contratación indefinida, a indemnización que vai pagar a empresa polos despidos improcedente vai baixar a 25 días por ano (33 menos os oito que vai pagar o FOGASA). Xeralízase ademáis, para estes contratos, esta subvención ao despido con cargo ao FOGASA, de xeito que se afinan as ferramentas máis afiadas para a destrución de emprego. E afóndase na dualización do mercado de traballo: os contratos vixentes manteñen o seu status fronte ou despido –menos mal!-, pero os novos contratos van constituír outro exército de precarios indefinidos e para sempre, sen que os anos de servizo incrementen notablemente a súa estabilidade no emprego. E, por suposto, non se modifica para nada esta trituradora de postos de traballo que é o despido express do art. 56.2 ET. E, dito sexa de paso, ninguén se cree que as modificacións dos despidos obxectivos e colectivos van implicar que se paguen normalmente a 20 días. Seguiranse pagando como improcedentes, claro.
No tema da modificación das condicións de traballo e na cláusula de descolgamento, as novidades son menores, pero de interese. Albíscase unha arbitraxe substitutiva dos acordos en fase de consultas que implica certa inseguridade xurídica. Comparto a necesidade de flexibilizar a aplicación do convenio en épocas de crise económica, pero non a través dun procedemento tan complexo. Desde logo, a patronal ten razóns de queixa neste tema, porque de novo se lanza a mensaxe de que modificar as condicións é complexo. Outro tanto cabe dicir da suspensión de contrato e do modelo alemán: un parto dos montes. Cando o noso modelo de relacións laborais precisa dun sinal de que hai outras medidas de xestión laboral á marxe da crise, non se fai case nada. Outra vez estamos diante dun goberno que pensa que as medidas de flexibilidad interna son maquillaxe e que o único que vale é a flexibilidade de saía, os despidos.
No tema do emprego xuvenil, está claro que o goberno non ten estratexia. Tampouco na legalización das axencias de colocación sen ánimo de lucro, tema no que os ensaios se deberían comezar únicamente co terceiro sector. Na trasposición da Directiva de empresas de traballo temporal, as reformas son pequenas e non provocan un debate de modelo, que sería moi importante para dinamizar o emprego e a empregabilidade. En todos estes temas se lanza unha mensaxe de laisez faire que implica riscos dabondo para o futuro.
Xa afondarei nestes temas. Hai que expresar outra vez a consigna de “Coidado que veñen os nosos!”. E preguntarse se este menú requeriría dunha norma de urxencia. Oxalá que alguén impugne a utilización do art. 86 da Constitución. Porque a ver se hai algún vendedor de alfombras que convence aos burócratas europeos de que esta é a reforma laboral que o Reino de España precisa. Cando menos, a ver se Ordóñez, Botín, o FMI e a OCDE calan dunha vez. E Cuevas, home de máis altura que o vendedor de Marsáns, debe estar rindo a gargalladas dende o alén.

6 jun. 2010

FOLGA, CONCERTACIÓN SOCIAL E OUTRAS CUESTIÓNS

Hoxe non puiden respostar a un comentario, feito por Luisa, por algún problema do blog. Fágoo nesta entrada, para dicirlle que, por suposto, os recortes salariais do decretazo nos afectan, tanto ao persoal funcionario canto ao persoal laboral da Universidade de Vigo. Teño moitas dúbidas de se é acertada a convocatoria para o día 8 martes. O día 16 se vai aprobar a reforma laboral, seguramente por Decreto lei, e iso vai provocar unha folga xeral. Neste contexto, quizáis o máis axeitado sería agardar á reforma laboral e convocar unha única folga xeral, coa posibilidade de acadar o mesmo nivel de éxito que nas folgas xerais de 1988 e de 2002.

Noutra orde de ideas, hai que pedirlle ás partes sociais un esforzo máis para que a reforma sexa por consenso. E ao Goberno unha pinga máis de paciencia. As pontes non están rotas aínda e a presa é relativa. Hai unha frase atribuída a Berlusconi –non creo que o pensamento deste líder dea para tanto- na que se expresa que os gobernos fortes lexislan, os febles concertan socialmente. Eu prefiro neste contexto un goberno máis feble, que non impoña reformas laborais. Pero que teña a capacidade de aturar as presións das institucións neoliberais e das organizacións do pensamento único. É certo que o noso sistema normativo laboral precisa de reformas. O que resulta máis dubidoso é que as que se precisan sexan as que se están publicando nos xornais e noutros medios de comunicación.

Presa para que? Para facerlle o traballo á dereita e que, cando chegue ao poder –se é que non o conseguimos evitar- xa leve os deberes feitos, como sucedeu no bienio 1994-96. As reformas, para seren efectivas, precisan de máis reflexión, menos urxencias e menos presas. No fondo dunha crise económica non hai o acougo suficiente como para pór a maquinaria lexislativa en funcionamento.

É certo que hai medidas urxentes, de estímulo de emprego xuvenil e de estímulo de mantemento do emprego. Pero as reformas máis estruturais poden agardar aínda un par de meses máis. As de verdade efectivas –as que non serven para venderlle cousas feitas ao ECOFIN, á OCDE ou ao FMI- deben ir na liña de incrementar a flexibilidade interna, a cambio dun máis forte control nos mecanismos de contratación laboral. Entre outras, plantexar sistemas máis acaídos de modificación das condicións de traballo en situación económicas desfavorabeis, propiciar suspensións de contratos como alternativas a despedimentos e, en xeral, admitir con algo máis de marxe procedementos flexibles de inaplicación conxuntural do convenio colectivo. Pero entrar nestas reformas require, desde logo afectar á columna vertebral do noso sistema. E paciencia, repouso e pouucas presas.

As presas vannos condicir sen dúbida a unha folga xeral, á que lle desexo, desde logo, o maior dos éxitos. Eu vou estar nesta folga, sen dúbida.