28 sept. 2010

FOLGA XERAL!

Mañá o Reino de España pasa a ser o centro da Unión Europea. Nun día especial de mobilizacións sindicais contra o desmantelamento da política social europea, nós estamos no ollo do furacán coa nosa folga xeral. Teimosamente, como se conseguiu parar a Directiva de tempo de traballo, o movemento sindical español, pero tamén o europeo, precisan dun trunfo fronte a “lóxica” do establishment intergubernamental, ancorado nunhas durísimas políticas de axuste ditadas polos voitres do mercado libre e subsidiado co traballo da nosa clase obreira. O éxito da folga xeral ten que ser un símbolo a nivel europeo. Mañá as nosas centrais sindicais representativas de clase lideran a responsabilidade e son o espello das súas irmás francesas, alemanas, italianas e de todos os demáis Estados europeos. A fin de contas, mañá tamén nos manifestamos contra o racista Sarkozy, contra o novo goberno tory de Cameron, contra o indecente Berlusconi e contra a raíña do axuste Merkel, entre outros. Contra todos eles e os cadanséus gobernos. E contra a rede de complicidades que foron tecendo.


Por suposto, o destinatario da folga é o Parlamento. E o goberno español, tan acomodaticio aos ditados da internacional especulativa. Outravolta se vai repetir a historia: se os malos presaxios se cumplen, no 2012 vai entrar de novo a dereita máis xenuína cos “deberes” a prol dos intereses que defende xa feitos por un suposto “goberno de progreso”. É unha mágoa que a reforma laboral proposta por un executivo “socialista” afonde en institucións como o despedimento express de Aznar. Esta trituradora de empregos de alto voltaxe introducida no ano 2002 rectificada polo PSOE para que teña máis potencia! E constitúe toda unha evidencia que a Lei 35 centre os seus esforzos en “afinar” o Estatuto dos Traballadores para que os despidos sexan máis doados e máis imparábeis do que eran.

Mañá a rúa non é de Fraga Iribarne nen dos seus epígonos. E dos pobres e esquecidos deste país. Da clase desempregada: desta mocidade sen esperanza, destas mulleres paradas e destes homes que perderon seus empregos. Destes precarios que teñen que traballar por medo ao desemprego, pero que levaremos nos nosos corazóns en cada manifestación. É, en fin, dunha sociedade civil ferida que quere ser cidadáns e cidadás, aínda que non se lles quere deixar. E, ao mesmo tempo, da clase traballadora europea, que mañá se representa, máis que en Bruselas, Berlín, París ou Roma, nas rúas de Vigo, de Coruña ou de Ferrol, entre outras.

27 sept. 2010

EN DEFENSA DE QUE AS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS TEÑAN PRESENZA NAS PEQUENAS UNIDADES PRODUTIVAS

Unha das críticas máis comúns que se lle está a facer desde a dereita económica á reforma laboral do 2010 consiste en que impón a presenza das organizacións sindicais máis representativas nas empresas que carecen de comité de empresa ou de delegados de persoal nos casos de modificación substancial das condicións de traballo, mobilidade xeográfica ou inaplicación do réxime salarial. Oxalá fose como eles din!
O soño dunhas unidades produtivas opacas ao feito sindical, tan propio dunha ideoloxía que non concibe a máis mínima democracia nos centros de traballo, é incompatíbel coa lóxica fundacional e fundante do noso Dereito do Traballo en clave de Constitución. Pero o que non fixo a Constitución nen a nosa normativa legal, o está a facer a realidade cotiá, da man dun Tribunal Supremo totalmente alleo e de costas á realidade das nosas estruturas representativas. Nos últimos dez anos apenas hai representacións legais dos traballadores nas pequenas unidades produtivas, por máis que pertenzan a grandes cadeas multinacionais. Sectores como a telefonía móbil, as empresas de seguros, o pequeno comercio, as empresas de alugueiro de vehículos e, en xeral, os servizos públicos, hoxendía son outros tantos ámbitos “ceibados” da presenza representativa nas empresas. E estou certo de que nos vindeiros meses a seguinte vítima propiciatoria vai ser a banca, outrora cun sindicalismo forte e reivindicativo.
Que está a pasar? Que as estratexias xurídicas destas empresas, moi ben asesoradas, acharon fendas legais para discutir sempre, e moitas veces con éxito, a existenza de delegados de persoal, da man dunha doutrina xudicial moi complacente con esta estratexia da parte empresarial, que está a facer auténtico uso alternativo do dereito a prol de escuros intereses. O resultado, insisto, é un imenso baleiro de estruturas representativas. E, no horizonte, unha loita para discutirlles aos sindicatos a súa representatividade.
Nesta situación, é obvio que o Título II do Estatuto dos Traballadores presisa dunha urxente reforma para redefinir que é un centro de traballo a efectos electorais ou para redeseñar as unidades electorais para as eleccións sindicais. E que fai a reforma do 2010? Nada. Absolutamente nada. Unicamente dicir que, cando non hai representantes legais dos traballadores nas empresas –isto é, cada vez máis veces-, a representación dos traballadores nos casos de modificación das condicións, traslados ou inaplicación das táboas salariais vai recaer en traballadores elexidos ad hoc ou en membros de sindicatos máis representativos. Claro que ben se van coidar as empresas de que os seus traballadores escollan a primeira opción e non a segunda.
Engade democracia participativa nas empresas a reforma do 2010? Non. O único que fai é constatar que xa desapareceu a pouca que había e artellar un remedo ao servizo de certas medidas, por outra banda moi necesarias, de flexibilidade interna.
Parafraseando unha expresión do Tribunal Constitucional, a ausenza de canles representativas reais é proba de que, cada vez máis, as manifestacións de feudalismo industrial se espallan polo noso sistema de relacións laborais.

22 sept. 2010

DESEMPREGO XUVENIL

As cifras do desemprego xuvenil actuais son insostíbeis nunha sociedade moderna. O feito de que no Reino de España se supere o 41 por 100 é un dato que non pode deixar indiferente a ninguén. O que isto implica en termos de expectativas vitais e profesionais dunha xeración é obvio, alén doutras implicacións económicas que non cabe esquencer. Desde logo, no ámbito das cadansúas carreiras profesionais, o dano que se lles está a facer é irreparábel. E vailles afectar ao longo de toda a súa vida activa.

Que se pode facer nesta materia a curto e medio prazo é unha pregunta de difícil resposta. As medidas que introduciu a Lei 35/2010, con estar algunha delas ben encamiñada, non arranxan case nada. Sen dúbida, era necesario centrar máis as medidas de incentivo neste segmento de poboación demandante de emprego. Hai que dinamizar as políticas de intermediación e colocación e hai que por en marcha medidas adicionais formativas -neste concreto aspecto a lei nada fai-. Está moi ben que se lles mellore a protección social, sempre e cando a mellora se verca asemade na mellora da súa empregabilidade.

Cabería desde logo mellorar máis o marco institucional. Dubido bastante de que a legalización das axencias de colocación con ánimo de lucro e a liberalización das empresas de traballo temporal vaia mellorar a súa posición no mercado de traballo. Estas son recetas clásicas de posicións políticas liberais. Pola contra, as melloras dos servizos públicos de emprego son máis pretendidas que reais.

Pero é obvio que as medidas máis estruturais teñen que vir no longo prazo. E, como ben se expresa na Estratexia Europa 2020, teñen que vir no campo educativo. Porque hai un mito que cómpre superar. Eu non creo que a mocidade de hoxendía sexa a mellor preparara da historia. Ou pode que si, a nivel interno. Pero dubido bastante de que a mocidade galega, ou mesmo a española, sexan competitivas no concerto europeo. Máis ben sospeito que non: teño para min que as competencias e habilidades dos titulados doutros Estados europeos resultan máis axeitadas para o emprego.

Na Universidade, desde logo, temos moita responsabilidade no futuro, nestes anos iniciais dos graos e posgraos e da posta en marcha efectiva do Espazo Europeo de Educación Superior. Con todas as eivas e insuficienzas de partida, os tempos son chegados de asumir a empregabilidade dos nosos egresados como o noso meirande reto, sen excusas nen outros obxectivos prioritarios. Pero para iso temos que ser institucións creíbeis e merecentes de confianza. Debemos ter en conta que nos tempos de mercados de traballo globais, non hai un mercado de traballo interno reservado para ninguén.

18 sept. 2010

UN PAR DE REFLEXIÓNS DE CONXUNTURA LABORAL

Hoxe se publicou no BOE a Lei 35/2010, do 17 de setembro, de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo. Culminou a reforma laboral do 2010. Non pretendo nesta entrada un comentario xeral da mesma, que por outra parte xa veño anticipando en entradas anteriores relativas ao decretazo de xuño. Si que quero incidir en dous aspectos concretos que merecen interese:
O primeiro deles refírese a unha importante emenda introducida polo BNG no Senado e logo mantida no Congreso na votación final. Trátase dunha modificación da Lei Xeral de Seguridade Social –do seu art. 210- que establece a consunción por horas e non por días da prestación por desemprego. Isto é fundamental para os casos de desemprego parcial por reducción de xornada: ata agora, o perxuízo que se lles causaba aos traballadores nesta situación era desproporcionado, porque cada día que percibían prestación pola xornada reducida, esgotaban un día enteiro da mesma, aínda que disfrutaban dun desemprego parcial. É unha novidade moi razoábel, que vai permitir que sexan menos lesivos para os traballadores os ERES suspensivos. É do moi pouco bon que ten esta reforma. Debe coñecerse que os dous  deputados e o senador do BNG lle fixeron un servizo impagábel á clase traballadora con esta novidade. Por suposto, que o Grupo Socialista admitira esta emenda non supuxo como contraprestación que o Bloque votase a prol da reforma ou que se abstivese. Votou “non”, como é lóxico nunha lei que crea moitos problemas e que non resolve prácticamente ningún e que nos afasta aínda máis dos sistemas europeos.
O segundo vai da liorta dos liberados sindicais. Eu ben entendo a iniciativa da presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, como manobra para quentar os ánimos dos sindicatos. Ela evidentemente quere que a folga xeral teña éxito, para darlle nos fuciños ao mesmo tempo a ZP e ao seu teórico líder. Porén, que logo veña a patronal e mesmo o Sr. Feixóo seguíndolle a cantinela pareceume incríbel e impropio de persoas ás que se lles debe supor unha certa capacidade de liderado. Implica un descoñecemento sideral das reglas básicas das relacións laborais e do noso modelo sindical. Eu, que son fortemente crítico coa executoria das centrais máis representativas e así o expreso moitas veces diante delas, penso que o modelo español é un dos mellores imaxinábeis. A existenza de organizacións fortes e representativas foi unha decisión política de forza constituínte que permitiu que se producira a partir dos anos setenta unha concertación social que se toma como modelo noutros Estados europeos e de fóra de Europa. Permitou un diálogo social manexábel e representativo, no que houbo capacidade de adoptar acordos vinculantes. Se se quere discutir a estrutura das centrais sindicais, que se discuta. Pero que se saiba que a alternativa vai ser moito máis conflitiva, desorganizada e irresponsábel. A figura dos delegados sindicais existe como produto do Estatuto dos Traballadores, da Lei Orgánica de Liberdade Sindical e dos convenios colectivos. Un ás veces ten a dúbida de se os que critican con tanta lixeireza as horas sindicais preferirían unha acción sindical espontánea. Seica si, aínda que non o acredito. Sen dúbida que as centrais teñen moitos privilexios e moita burocracia, excesiva, desde logo. Pero habería que dicirlle á dereita que nos últimos vinte anos desenvolveron un papel fundamental no desenvolvemento económico deste país coa moderación das estratexias reivindicativas. Por certo, nunha nova entrada destes días vou falar da realidade cuantitativa das horas sindicais.
Unha cousa máis: o martes e o mércores pasado estiven en Bruxelas nunha conferencia de estudo da Estratexia Europa 2020 nos temas de emprego. Coincidín con centos de afiliados á DGB –a central sindical alemana-. Sorprendeume o exercicio de responsabilidade que fixeron ao recoñecer o éxito do seu sistema, que lles permitou non perder emprego mais a crise económica que recorreu Alemaña coa mesma intensidade que a nós; e ao expresar o seu concernemento de que os traballadores se empobreceron nos últimos anos. Pero o que máis me sorprendeu foi a crecente distancia do modelo español e o alemán. Que a ninguén lle caiba dúbida de que mañá, cando entre en vigor a Lei 35/2010, estaremos un pouco máis lonxe deles que hoxe. 

4 sept. 2010

A NOSA TERRA

Como se pouco fose
O mal que ven de fora,
Tua plebe desleigada
Na diferencia acora
E a libertád non quer.
E así para que sean
Mais fondos os teus dôres,
Son os teus mesmos fillos
Verdugos e traidores
 Pra quen lles deu o ser.
                                               M. LUGRÍS FREIRE

Teño diante de min estes versos publicados no número 1 de A Nosa Terra o 4 agosto do 1907 na páxina 2. Que actuais soan hoxe! Pechouse a edición en papel, aínda que segue acesa a faísca da edición dixital. Outros medios de comunicación discuten de culpabilidades e responsabilidades privadas. Tanto lle ten. O caso é que un dos piares da cultura de Galiza esmorece diante da indiferenza colectiva. Non é merecente da compaixón da Xunta e da súa axuda por se ter amosado como un semanario de roxos nacionalistas.
Que razón leva Manolo Rivas cando dí que en Galiza non temos conservadores! Unicamente temos unha manda de necios aos que lles sobran sinais de identidade. Sóbralles a cultura, como veñen de amosar nestes días. Do mesmo xeito que lles sobran espacios naturais na mesma proporción na que lles faltan parcelas para negociar con elas. Sóbranlles país e lingua,e por suposto autogoberno, por cativo que este sexa. Goberno anano para arelas ananas. Que o descreto caia para sempre por riba de Roberto Varela e os seus coniventes!

Outras revistas caeron, do mesmo xeito que desapareceron moitas linguas. O galego non vai ser a primeira, nen a última. A alguén lle importa?