18 jul 2010

O IMPORTANTE É A BLINDAXE DE COMPETENZAS


                Claramente. Esta é a parte da sentenza do Tribunal Constitucional 31/2010, do 28 de xuño, máis central. A que aborda a cerna do problema estatutario. Dicía o xurista Viver i Pi-Sunyer, logo dos seus nove anos de experienza como maxistrado deste Tribunal, que o problema das competenzas dos Estatutos de Autonomía non é que sexan poucas ou moitas, senón que son de moi baixa calidade, todas elas expostas e esa hidra das “condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois”, que impón o art. 149.1.1º da Constitución do Reino de España.
                É por iso que os Estatutos da primeira xeración eran como as choupanas do pobre, nas que chove. Pola súa permeabilidade, sempre o Estado central podía asumir potestades, e as exercía, vaia se as exercía! A técnica da blindaxe é defensiva, non ofensiva. Non é que se queira máis goberno, é que se quere o que se teña, pouco ou moito. A estratexia do Estatuto de Catalunya é resposta a este problema, que reflicte a distancia inmensa entre un Estado federal e un Estado moi pouco descentralizado, como é o español. Na nosa realidade non cabe o recurso á “devolution”, porque para o imaxinario colectivo noso “devolver” é devolver a España as migallas que se lles concederon nos anos 79-82 ás Comunidades Autónomas.
                A capacidade de decisión das Comunidades Autónomas depende, xa que logo, da blindaxe. Que poidan exercer con plena responsabilidade as candansúas competenzas a prol dos seus pobos. Para que non as destrúa a couza da “coordenación da planificación xeral da actividade económica” do nº 13, art. 149.1 da Constitución.  Diante da nosa reforma estatutaria pendente, esa é a arela fundamental que ten alguén que vive o nacionalismo desde o seu soño dunha sociedade máis xusta e solidaria. Que pensa que os conceptos máis emocionais e os símbolos identitarios deben ser máis transixíbeis.
                Un exemplo: onte, en Ribadeo, participei na procesión marítima do Carme, na que había bandeiras monárquicas a cachón. Algunha particularmente grande de certa familia ribadense moi coñecida. Son tempos nos que no imaxinario español sobrancea o lema “sen complexos”. Esta tarde, de volta a Vigo, de novo sentín certa zuna, ao pasarmos o cemiterio de Goiriz, diante do sartego do “caído” que hai canda a estrada. Sorprendinme eu mesmo, logo de anos de reconciliación e mesmo complicidade con este home galego anónimo que morreu novo hai tantos anos. É a fartura do español que temos estes días.
                Non quixera causar fartura de sinais identitarias de Galiza. Abonda con que poidamos gobernarmos un pouco máis. Diso vai unha reforma estatutaria.

11 jul 2010

TRIBUNAL CONSTITUCIONAL, ESTATUTO DE CATALUNYA E ESTATUTO DE GALIZA. POBO CATALÁN E POBO GALEGO


                Levo non poucos días calado no blog. E quero reiniciar as entradas cunha reflexión breve dos actos das últimas semanas arredor do Estatuto de Catalunya. Con certa perplexidade –polo conflitiva que foi- pero tamén con certa envexa leín hoxe os comentarios da manifestación de onte en Barcelona. Constituiu toda unha contestación pola vía do feito ao excursus do Tribunal Constitucional de que non existe xurídicamente o pobo catalán. Seica non xurídicamente, pero existe de seu. Emerxe, desde logo, por riba dunha clase política manifestamente mellorable. E existe, sen lugar a dúbidas, cando se compara cun pobo galego comatoso, que vive a súa segunda longa noite de pedra, asolagado por debaixo dun pensamento único abafante que fai renuncia cotiá da súa historia, do que xa non somos e difícilmente voltaremos a ser nalgún día.
                Non pretendo criticar a sentencia do Tribunal Constitucional. Teño a opinión de que a relatora, a presidenta Casas Baamonde, exerceu neste pronunciamento máis como laboralista que como presidenda do TC: mediando nun conflito entre dúas visións do Reino de España: unha actual, democrática e tolerante; a outra pretérita, excluínte e esencialista. Probablemente, que asumira ela o relatorio era a mellor noticia posible para as posturas máis autonomistas. Con todo o criticable que poidan ser o fallo e máis os fundamentos intepretativos da sentencia, teño a opinión de que ela empregou todas as súas capacidades de xurista, persoa conciliadora e galega para obter bon fin a un reto no que sucumbiron outros maxistrados. Por certo, é case un símbolo que a única presenza galega neste conflito fose a identidade da relatora.
                Canto aos pronunciamentos de inconstitucionalidade concretos, son toda unha paráfrase das diferencias entre Catalunya e nós. Probablemente, o menos indicativo sexa todo o relativo ao poder xudicial, único segundo a sentencia. O que non sorprende a ninguén, como quintaesencia dun Poder afastado cada vez máis da dinámica dun Estado complexo e plurinacional, ancorado nunha unicidade ideal de dereitos que non ten en conta a diversidade desta conxunción de pobos que é o Reino de España. Porque o recoñocemento da diversidade arriquecedora é o risón no que se sostén o sentemento de pertenza posible. Non a imposición dun centro que asoballa ás periferias.
                Pero cousa distinta é a liorta do defensor do pobo. Por moitos documentos que poña na mesa o defensor do pobo español, hai que recoñecer que en Catalunya, como en Galiza o valedor do pobo, a súa existencia moi pouco tivo que ver coa defensa de dereitos fundamentais e coa defensa das persoas individuais fronte ás institucións do Estado. É lícito, xa que logo, pretender contar cunha institución de seu que encha o baleiro que deixa un defensor do pobo trasnoitado, que tiña que actualizarse para estar á altura das institucións nórdicas nas que se inspirou, pero xa hai máis de trinta anos.
                Por non alongar máis o discurso: é que alguén en Galiza xamais soñou un Consello Consultivo que emitira dictames vinculantes? Desde logo, non un BNG que sempre ostentou un desprezo activo por esta institución. Alguén pensou en que as normas estatais infralegais non nos poidesen afectar? Penso que non.
                E o tema dos dereitos lingüísticos na sentencia: o camino que queda por percorrer en Galiza para chegar aos máximos de promoción da lingua galega que contempla esta sentencia é máis longo que o do pobo xudeo para chegar á Terra Prometida. Da vergoña que supoña tanto para nós e tanta restricción para Catalunya.
                En fin, hoxe leín unas declaracións da presidenta do Parlamento de Galiza que me encheron de tristura. Afirma –e leva razón- que á nosa xente hoxendía non lle interesa o debate da reforma estatutaria. Quizáis, como dirían os románticos, do seu fondo sono acordará.