29 ago 2010

A CONVOCATORIA DE FOLGA: UNHA DATA FESTIVA

Hoxe veume á memoria a folga xeral do 14 de decembro do 1988. Era eu estudante de cuarto curso de Dereito en Santiago e tiña ao día seguinte exame parcial, creo lembrar que de Dereito Mercantil. Á hora da manifestación saín do colexio maior San Clemente acompañado do meu amigo Jacobo Cela. Achegámonos á zona vella e decidimos xuntarmos á manifestación da CNT, que nos pareceu a máis festeira. Logo paramos na Raíña, na que certamente tomamos tres ou catro viños, pois había servizos mínimos para os manifestantes voltaren con forzas ás súas casas. Xantamos e logo nos achegamos á cafetaría do colexio Rodríguez Cadarso, na que o Monchito nos serviu uns cafés algo acollonado pola folga. Máis tarde, desde logo, estudei arreo Dereito Mercantil.
Lembro daquela uns días especialmente inesquencibeis para min –e non unicamente pola participación na folga- nos que non se cuestionaba a dita participación polo feito de poder axudar á dereita. Aínda quedaban oito anos para que chegara o anzado dos gobernos Aznar! Curiosamente, o motivo da convocatoria era unha resposta a certas medidas lexislativas do goberno de Felipe González, moitas delas no ámbito da inserción laboral da mocidade.
Veume esta imaxe nidia ao ler hoxe no Faro de Vigo certas declaración do líder da dereita nas que amosaba a súa total incapacidade de entender os motivos da convocatoria da folga xeral do 29 de setembro do 2010 e expresaba a súa frontal oposición á mesma. Non quero abondar no seu discurso. Chega con dicer que esa era a súa posición, sen que fose quen de xustificar a súa postura. Pero nos da pé para sumarmos sen reticenzas a unha convocatoria intrínsecamente xusta na que amosaremos a nosa oposición a unha reforma laboral insolidaria, inicua e que non nos achega aos paradigmas europeos de regulación do mercado do traballo, senón que nos afasta aínda máis deles. E, ao mesmo tempo, sinalaremos o noso rexeitamento de certas alternativas que únicamente de xeito oportunista invocan as cuestións sociais, e que logo quedan retratadas cando teñen a máis minima responsabilidade política. Por certo, alguén é quen de invocar algunha liña de actuación política de relevo da Consellería “de Traballo e Benestar” desde que comezou a súa actuación? Eu non.
En fin, nun ambiente festivo, temos que reivindicar o día 29 de setembro a pegada social do noso marco normativo de relacións laborais. Temos que dicirlle ao Congreso e ao Senado, e por suposto ao Goberno, que o despido non ten que ser a única medida de xestión laboral, como todas estas institucións parecen crer fervorosamente.

13 ago 2010

A INTERVENCIÓN

Leín estes días o libro de Teresa Moure "A intervención". Trátase dunha obra sinxela. Probabelmente non vai ter a sona de "Herba Moura". Porén, é un traballo moi notábel, no que, desde unha perspectiva coral, como xa nos ten afeitos a autora, conta unha historia moi emotiva e, a mesmo tempo, moi simbólica. A vivencia duns feitos sucesivamente narrados por Leandro Balseiro, por Clara Balseiro, por Daniel Sampaio, por Ingrid Sampaio e por Candela Roma dan na chaga de moitas paixóns propias do noso pobo. Leandro, o vello, cultivador de especies florais exóticas, é a paráfrase dunha visión estética da vida, pero afastada da realidade e das necesidades cotiás. A súa filla Clara, filla dun pai enaxenado pero continuadora dunha estirpe de xente inadaptada. Sampaio, un vello esquecido do seu pasado, pero que quere construír un presente máis sinxelo e xenuíno. Ingrid, que ven para que lle rendan contas e que se convirte paseniñamente en parte da nosa xente. Leandro o novo, un rapaz dependente das mulleres que van guiando os seus banzos e os seus sentimentos. E Candela, a araña que vai tecendo unha rede de relacións entre todos eles e vai gobernando as súas actuacións.
Trátase dun libro moi emotivo, que de novo reivindica un mundo no que as mulleres chegan a ser autoras do seu destino e no que os homes chegan a ter a suficiente sensibilidade como para atendelas e entendelas. Unha situación na que a natureza se protexe simbólicamente, pero cun simbolismo potente e efectista.
Di a autora, pola boca de Ingrid, que os galegos somos xente que pode vivir en casoupas ou en choupanas, pero que chanta nos seus eidos as flores máis fermosas. Quizáis sexa verdade, para expresar unha rebelión dunha realidade que non nos satisfai, pero que se impón implacábelmente, como destino dun pobo que non quere arranxar o seu propio fogar.
Trátase, en fin, dun libro moi suxerente, do que non me cabe senón recomendar a súa lectura.

2 ago 2010

UN COMENTARIO RELATIVO A POLÍTICA UNIVERSITARIA


Chegoume algunha mensaxe –e algún que outro comentario- de se non traballaríamos desde Nova Universidade nesta primeira época do goberno de Salustiano Mato. A resposta é que si, por suposto. O que pasa é que aínda non hai un percorrido mínimo de actuación como para facer balanzo. E, por outra parte, aínda non organizamos formalmente os mecanismos de publicidade da nosa actuación.
A finais de setembro vaise celebrar unha asemblea de Nova na que vou pór meu cargo a disposición do colectivo. A miña intención é a de non deixar o liderado polo de agora, por suposto agás que a vontade maioritaria sexa outra.  Pero hai que debatir e recompoñer as responsabilidades de cada quen. Manolo Ramos pediume desenvolver un traballo máis interno –de feito non está en Consello de Goberno-, José Rúas insistiu na necesidade de formalizar e afortalar máis as canles de comunicación coa comunidade universitaria, outra xente ten que ser reubicada…Polo de agora, a efectos institucionais, escollemos para o Consello de Goberno a Margarita Pino e Alejandro Pereira por quenda de elección libre e a Enrique Barreiro, Armando Caballero, Manuel Deaño e Mercedes Vila pola quenda de directores de departamento ou de centro. Ademáis, eu fun nomeado polo reitor, seguindo un vello acordo que únicamente incumpliu Alberto Gago. No sector B, foi elexida polo noso grupo Silvia Rodríguez Ramilo. Asemade asumimos os postos correspondentes en mesa do claustro e comisión electoral. Iso si, todo no marco deste sistema maioritario que prima ao gañador das eleccións desproporcionadamente.
No Consello de Goberno do 26 de xullo intervimos en tres aspectos concretos. O primeiro deles, para criticar que se nomearan dous novos comisionados e se suprimira únicamente un. Ademáis, comisionados permanentes no tempo, non conxunturais. É o xeito de ampliar o equipo pola porta de atrás e non recoñecer que, de feito, é aínda máis numeroso que no 2006. Comprobouse que era mentira que levara AU un equipo máis pequeno que NU, todo o contrario. O que sucede é que nós xa esperábamos esta actuación, únicamente colleu por sorpresa a moitos votantes de boa fe de AU, que outra vez se decatan de que votaron. Neste ámbito, pola contra, agradecímoslle ao reitor que diminúa con carácter permanente as direccións de área, aínda que únicamente no número de seis. Retrucámoslle que aínda había moita marxe. O segundo tema foi unha crítica ao feito de que todos os nomeamentos de membros dos órganos de Administración das sociedades públicas nas que a UVigo ten membros sexan homes, en contra das políticas de xénero que vai esixir de contado a Lei de Igualdade. E, o terceiro, foi un chamamento a certos defectos na convocatoria e na documentación do Consello de Goberno, dos que agardamos que sexan superados en vindeiras convocatorias.
Nestas datas, Salustiano Mato está desenvolvendo un labor moi político do que xa veremos en que se concreta. Como membro do grupo de AU, rectificou en 180 graos as políticas de amortización da presenza física da UVigo no centro de Vigo e iso nos parece ben no que ten de rectificación. Pero xa veremos en que resulta o traballo interno. Polo de agora, hai que darlle unha marxe de confianza e desexarlle ao novo reitor os maiores éxitos. En particular, no plano de finanzamento, no que as propostas da Xunta son arrepiantes, impropias dunha Administración Pública que ten respeto ao Espazo Europeo de Educación Superior. Por certo, outra vez queda clara a nefasta política da UVigo na xestión de persoal, que fai que na actualidade esteamos catro puntos por debaixo da media estatal en gasto en capítulo 1. A ver como nos achegamos agora a media! Hai que esixirlle ao goberno que concentre os seus esforzos nos centros e grupos menos favorecidos. E que deixe dunha vez ese discurso falaz da competitividade. Na nosa Universidade, a mairoía non compite porque non pode, non poir desleixo.
Non son tempos aínda dunha oposición activa. No outono daremos sen dúbida unha rolda de prensa, xa co mantato máis en marcha. Polo de agora, deixo Vigo por un par de semanas para achegarme á Mariña, á ría da que Ramón Piñeiro se fixo fillo adoptivo xa hai anos. Como se lle bota de menos, nestes anos de enxurrada do nacionalismo español!