29 dic 2010

PACTOS DE TOLEDO

Hoxe se van votar as recomendacións de reforma da Seguridade Social no ámbito da Comisión de seguimento dos Pactos de Toledo. Tiven acceso ao borrador do documento que se somete a votación. Trátase dun texto sumamente aberto, no que, desde logo, se ceiba ao Goberno para que presente, na práctica, un proxecto de lei sometido a moi poucas condicionantes. En si mesmo, este carácter demasiado aberto estaría ben se cando menos se orientaran algo máis certas actuacións políticas. Hai, ao meu xuízo, unha excesiva prudencia para non se afastar dunha linguaxe moi correcta políticamente, pero moi pouco efectiva no deseño de reformas estruturais do sistema de Seguridade Social.

É por iso que o documento non se presta a críticas moi fortes, nen tampouco a eloxios significativos. Con todo, é un texto relativamente longo, de 24 páxinas, no que se suxiren moitas ideas, e algunhas delas cun notábel grao de concreción na letra miúda, non nas grandes medidas estruturadoras. Cabe, xa que logo, formular un feixe de comentarios. Non me vou parar hoxe en aspectos concretos, senón en formular catro ideas xerais e, ademáis, en subliñar o interese de que se coñeza un texto que, teóricamente, debería ser o guieiro para saber cara onde camiña noso sistema de Seguridade Social. Estas catro ideas xerais son as que seguen:

1ª.- Hai, ao meu xuízo, unha excesiva teima na separación das fontes de finanzamento do sistema. Por exemplo, no documento se fai moito fincapé en que non se poden soster con presupostos da Seguridade Social os complementos a mínimos –esta non é unha idea nova- pero tampouco as bonificacións á Seguridade Social como medida de fomento de emprego e as actuacións concretas de xubilación anticipada. Non é que caiba criticar esta orientación en si mesma. Porén, reflicte unha idea sumamente perigosa: o principal motivo de lexitimación do sistema público consiste na súa autosuficiencia. Cando non sexa así, e cando o fondo de reserva non abonde para manter o nivel de protección social, hai que usar as tesoiras de xeito ineluctábel. Porque tampouco a Seguridade Social se pode soster con achegas orzamentarias do Estado. Neste punto, habería que lembrarlle aos e ás parlamentarias que noutros Estados da Unión Europea, que non son nen moito menos minoritarios, as pensións básicas se sosteñen con achegas orzamentarias, e non pasa nada.

2ª.- Hai una evidente relación entre o dito no número anterior e a promoción dos sistemas complementarios de Seguridade Social. A historia do noso sistema, a partir da Lei de Bases do 1963, é a dun sistema que se afortalou nos alicerces dun mutualismo laboral que desapareceu na ara do sistema público. É por iso que no Reino de España non temos apenas un nivel profesional de cobertura social. Haino que desenvolver, e así o recoñecen as recomendacións, mediante o maior estímulo aos plans de emprego do tipo dos plans de pensións. Esta idea é interesante e paréceme ben. Pero habería que engadir que diminuír o nivel de cobertura social namentres non se xeralice este nivel profesional de Seguridade Social é moi perigoso. Porque, na práctica, as persoas traballadoras son eiquí moito máis dependentes do sistema público de pensións do que o son na práctica totalidade de Estados europeos. Habería que recoñecer, xa que logo, a nosa maior dependencia da Seguridade Social pública, que desde logo debe condicionar todas as reformas restritivas.

3º.- O máis significativo do documento é unha aposta, máis o menos explícita, polo incremento do número de anos que se deben ter en conta para o cálculo das pensións de xubilación. Hai unha defensa que non comparto para nada das modificacións que se produciron en 1997 para incrementar o período de oito a quince anos. Non é que haxa que defender un período de cómputo moi breve, que desde logo, introduce un factor de aletoriedade excesivo. Pero hai que recoñecer que o período de quince anos é xustamente o que máis lle perxudica á poboación activa menos cualificada, que entre os 50 e os 65 anos adoita ter moitos problemas de desemprego estrutural. Cabería apoiar, por exemplo, un cálculo no que se computaran 20 anos, pero escollidos durante un período de 25, ou unha fórmula semellante. É dicir, unha regla na que se ampliara o tempo para calcular a base reguladora, pero que lle permitise á persoa interesada desbotar os peores anos, nos que seica ten lagoas de cotización que se van encher, no mellor dos casos, con bases mínimas ficticias.

4º.- Afóndase en aspectos de xestión, loita contra o fraude e información a cidadás e cidadáns. En xeral, son liñas acaídas e necesarias. Pero hai un recoñecemento ao meu xuízo excesivo do labor das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermedades Profesionais. Non cabe negarlles un papel importante, pero que desde logo ten moitos aspectos escuros. Habería que recoñecer que non sempre foron suficientemente leais co sistema e que a súa xestión require de certo control por parte das entidades xestoras e da Tesoureiría Xeral da Seguridade Social. Con todo, hai que expresar que neste conxunto temático o borrador contén ideas de interese.

En xeral, xa que logo, o documento adoece de inconcreción. As orientacións da reforma que se albiscan nas declaracións de intencións do Goberno caben, por desgracia, neste traxe tan amplo. Son estas intencións as que producen máis arrepío e non unhas recomendacións demasiado amplas. Sen que caiba negarlles aportacións interesantes en moitos temas. Entre outros, que por primeira vez se aborda con amplitude unha perspectiva de xénero na Seguridade Social que é, a día de hoxe, inadiábel.

8 dic 2010

UNHA MEDIDA “MÁIS”: A SUPRESIÓN DOS 426 EUROS

As decisións gubernamentais teñen estas cousas: misturar peras e mazás, como diría unha famosa concelleira madrileña. Isto foi o que lle pasou ao Goberno no Consello de Ministros pasado: aprobouse un flamante Real Decreto-lei 13/2010, do 3 de decembro, “de actuacións no ámbito fiscal, laboral e liberalizadoras para fomentar a inversión e a creación de emprego”. O seu contido, un plato de difícil dixestión mesmo para tecnócratas: 1) modificación da Lei do Imposto de Sociedades, aparentemente para baixarlle o tipo ás pequenas empresas. 2) Medidas liberalizadoras, referidas á “modernización” do sistema aeroportuario, isto é, privatización parcial de AENA, que pasa a ser unha sociedade pública e creación da sociedade estatal “Lotarías e Apostas do Estado”, que anuncia a mesma privatización parcial do negocio do xogo de azar a nivel estatal. 3) Medidas laborais, consistentes na incorporación de 1500 persoas máis como  promotoras de emprego e prórroga dos 1500 orientadores existentes desde o ano 2008. 4)  Incremento do tipo do imposto especial que grava o tabaco. 5) Inclusión no Réxime Xeral da práctica totalidade dos funcionarios de novo ingreso, o que anuncia a progresiva eliminación de Clases Pasivas do Estado. E logo, por suposto, e como xa dixen noutra entrada, medidas de excepción para os controladores aéreos.
Das medidas laborais –únicas das que teño un mínimo criterio para emitir opinión-, 1500 promotores de emprego é unha pinga nun océano. Desde logo, a eficiencia dos Servizos Públicos de Emprego depende de que o Goberno crea neles. Non nas axencias privadas e nas empresas de traballo temporal, únicos nos que acreditou crer. Paréceme ben, no canto, a supresión a prazo de Clases Pasivas. Eu –eu e máis un minguante grupo de funcionarios- pasamos a ser dos restos de Israel duns reximes especiais de caste profesional nos que, realmente, non aportamos á solidaridade interxeneracional da Seguridade Social. E, por certo, o vicepresidente anunciou en rolda de prensa posterior ao Consello que o día 28 vai remitir ás Cortes o proxecto de reforma das pensións. Evidentemente, non vai haber acordo ao respecto, nen na comisión dos Pactos de Toledo nen moitísimo menos nas Mesas de diálogo social. Penso que algún ministro, por dignidade, debería dimitir.
Alén disto, o verdadeiro protagonista deste Consello de Ministros foi o elemento que non se reflectiu no texto da norma de urxencia: a decisión de non prorrogar o programa previsto, na súa derradeira edición, no RD-lei 12/2010, de protección por desemprego e inserción. É dicer, o programa “dos 426 euros”. Como vai caducar no mes de febrero, non hai nada que regular. Xa morrerá por inanición. A xustificación de que se trata de pór máis recursos na inserción laboral é esperpéntica. Pola mesma razón, non cabería augurarlle bo futuro á renda activa de inserción, nen, en fin, ao nivel asistencial da prestación por desemprego. Espero que o Goberno non dea nen un banzo máis na mesma dirección!
Ben se decata un de que para o Goberno ten o mesmo valor subir o tipo do imposto especial do tabaco que deixar sen subsidio ás persoas que esgotaron as súas prestacións e subsidios por desemprego. Así de parvo e con ollos de peixe sapo quedou o líder da oposición na sesión de control ao Goberno e menudo barullo se montou nos voceiros do seu partido. Se é que eles farían exactamente o mesmo!
Hai que lembrarlle ao executivo “socialista que hai unha cousa que se chama o principio de proporcionalidade: non é o mesmo vender parte das xoias da coroa –vg., AENA- que crear guetos de exclusión social. Nesta última medida xa non hai marxe para a dúbida: non hai diferenza entre uns e outros. A conexión entre a decisión de non prorrogar o programa e a pobreza é evidente. Impropia do modelo social europeo.
Claro que outra ración de dereita xenuína xa nos lembrará que o campo dos dereitos civís é, hoxendía, o único no que se xoga a partida entre os dous macropartidos do Reino de España: dereitos dos homosexuais, liberdade de expresión, dereito á información, liberdade ideolóxica… 

7 dic 2010

ESTADO DE ALARMA

O conflito dos controladores aéreos é un crisol de sentimentos enfrontados do que cómpre expresar algunhas ideas e propor certas conclusións. O primeiro sentimento é de preocupación, por como as organizacións sindicais máis corporativas son as que explotan con éxito as modalidades máis salvaxes de exercicio do dereitos de folga e de conflito colectivo. No sector da aviación civil hai moi bos exemplos de sindicatos ben afastados das grandes centrais de clase que con periodicidade suiza secuestran á cidadanía con acción intolerabeis.
A preocupación aínda medra máis cando un se pregunta polo resultado deste conflito: podemos dicer a día de hoxe que os controladores aéreos perderon a partida? Que están en peor situación negociadora da que estaban antes do Real Decreto 1001/2010, Decreto Pepiño Blanco, sometido á interpretación da disposición adicional segunda, 1 do RD-lei 13/2010, do 3 de decembro? Eu moito o dubido, porque esta normativa conxuntural e de urxencia non pode perpetuarse no tempo, xa que implica un descoñecemento de dereitos colectivos básicos destes traballadores. Estes días xa chegaron voceiros da dereita criticando, co fariseísmo de sempre, o autoritarismo gubernamental. Voceiros aos que habería que preguntarlle: quen alimentou a besta? Que famoso ministro de Fomento se baixou os pantalóns diante deste colectivo? E xunto a esta dereita interesada, está a esquerda utópica criticando, por motivos ben distintos, o mesmo autoritarismo. Eu súmome á crítica, sempre e cando estas medidas que implican unha acción unilateral do goberno non sexan estritamente temporais, conxunturais e excepcionais.
As miñas dúbidas deben resolverse cunha negociación colectiva acaída e responsábel, iso si, xerando ámbitos de negociación novos nos que os sindicatos de clase teñan o liderado, propondo negociacións ao marxe do ámbito da franxa. Xa abonda de élites laborais que emporcan os dereitos colectivos dos traballadores coa súa actuación ruín e egoísta!
Desde logo, no mundo do posíbel, as accións disciplinarias contra os controladores deben ser proporcionadas, por participación nunha folga ilegal, disimulada groseiramente con baixas laborais. Pero sen que cheguen a despedimentos. Desde o meu punto de vista, todo o aparataxe vindicativo debe dirixir os seus ollos a este enxendro de sindicato denominado USCA, para que pague, ata a súa liquidación definitiva, cada céntimo de euro que poida haber nas súas contas. E para que os seus dirixentes respondan perante todos os órganos xudiciais.
Entrementres, que outros discutan o marco constitucional. Non me agrada o estado de alarma e o sometemento dos controladores a mando militar e ao Código Militar. Porque creo que é un mal precedente, do que logo poden tirar outros gobernos asilvestrados –que virán- con nula sensibilidade aos dereitos civís de cidadáns e cidadás. O sucedido nestes días é unha mala noticia. E cabe requerirlle ao goberno para preguntarlle se non había unha medida proporcionada menos lesiva de dereitos que resolvese o problema. Quizáis abondaba con someter aos controladores a un mando gubernativo, sen limitarlle alén do imprescindíbel os seus dereitos civís. Pode que non, pero o goberno tiña que explicarse mellor.