7 mar 2011

SALARIOS E PRODUTIVIDADE. OUTRO EXABRUPTO DE COSTAS Á REALIDADE

Está prevista para mañá outra declaración dos “Cen magníficos” de FEDEA. A promesa, xa adiantada con orquestra e pregoeiros, vai desta volta de xustificar por que os salarios se deben desvincular da inflación real e achegarse á produtividade como elemento de actualización. Non ten moito de novedosa, senón que xa se adiantou por parte de moitos coríferos do pensamento único, entre outros, como non? , Mr. MAFO, convertido en altoparlante da raíña do axuste Merkel.
Espero con curiosidade o documento de FEDEA, pola maior capacidade reflexiva que ten este grupo, desde logo integrado polo máis granado da doutrina da Economía Aplicada deste noso Estado.  Se teño folgos tentarei dar resposta concreta aos seus argumentos. Hoxe quero louvar a súa capacidade de saír aos medios de comunicación en tempo real, cando se apura o acordo social para a reforma da negociación colectiva. E ademáis, expresar que ideas en abstracto lóxicas non o son tanto cando  se achegan á realidade socio-laboral nosa. É dicir, quero amosar a miña opinión contraria ás mesmas.
Primeiro, quero salientar un argumento xa expresado por moita xente: os que hoxe postulan con énfase que salarios e inflación real son unha parella que cómpre rachar porque os primeiros se teñen que emparellar coa produtividade estiveron ben caladiños cando as empresas obtiñan beneficios a cachón a costa da “moderación salarial” da clase traballadora. Cando as contas saen ben abonda con que os traballadores non perdan e mesmo gañen unhas pingas de  poder adquisitivo. Pero cando van mal a mesma moderación se fai anatema.
Segundo, cabe preguntar como se axustan os salarios á produtividade. É que FEDEA ou outros defenden volver a medicións tan ancestrais como os puntos Bedaux ou outros sistemas propios doutros tempos? Como se vai medir a produtividade? Como se pode chegar a un nivel de esixencia xusto que permita ás persoas traballadoras progresar salarialmente? –se é que o dito progreso lle interesa algo aos que propoñen estes cambios-. Ou é que se quere medir máis a ganancia? Desde logo, a regulación da produtividade no noso tecido de convenios colectivos non invita a pensar que poida substituír á inflación como criterio de revisión salarial, cando menos a curto prazo.
Terceiro, cabería preguntar se os criterios de medición da produtividade ou doutras partidas salariais derivadas do maior ou do mellor rendemento son abondo transparentes na nosa realidade laboral. Eu digo que non o son. Dun tempo a esta volta hai unha nociva tendencia a excluír estes complementos da negociación colectiva e a os regular nos contratos individuais. Con resultado de estruturas retributivas opacas e á marxe do coñecemento, información e control das representacións legais dos traballadores.
E cuarto, compriría discutir que nivel de debate, información e participación se lle quere dar aos ditos representantes na implantación destes sistemas nos que a produtividade gañe máis protagonismo. Curiosamente, a orixe deste tema ven de Alemaña, país no que a democracia industrial nas empresas está desenvolvida, lonxe dos paradigmas da empresa autocrática española.
                En resumo, coido que a nosa realidade non pode asumir a día de hoxe este cambio. Tampouco é xusto plantexalo nunha realidade na que os salarios mínimos apenas trascenden o umbral da pobreza, moi lonxe dos que existen na Europa máis desenvolvida. Para estes traballadores de baixas rendas salarias, revisión salarial-produtividade é un binomio inxusto, insolidario e aberrante.
                Por suposto que as nosas empresas teñen que ser máis produtivas. E por suposto que os complementos variables deben gañar máis peso –como se a nosa negociación colectiva non levara camiñando máis de quince anos nesta liña!- Pero cómpre un esforzo de transparencia e participación dos traballadores na fixación dos mesmos. Entrementres, é de xustiza manter o poder adquisitivo dos traballadores. Máis inflación causan as emisións de CO2!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.