8 feb 2011

O ACORDO SOCIAL E ECONÓMICO: UNHA CLARA DISCRIMINACIÓN INDIRECTA POR RAZÓN DE SEXO

O domingo pasado día 6 a investigadora María Pazos Morán escribiu un artigo moi interesante no diario El País, nas páxinas salmón relativo a como o Acordo, unha vez máis, perxudica ás mulleres, polo feito de teren normalmente carreiras profesionais máis irregulares das dos traballadores varóns. O artigo pon en evidencia a nula perspectiva de xénero do Acordo e o dano que lle fai ás traballadoras.
Hoxe quero abondar nesta mesma liña con dous argumentos máis, non tan evidentes, pero tamén moi importantes. O primeiro deles refírese á evolución da escala do tipo de pensión desde o 50 ao 100 por 100 dos 15 aos 37 anos, que segundo o acordo debe ter unha estrutura totalmente regular e proporcional. Esta medida perxudica ás mulleres por razón obvias, a partir da mesma evidencia que describía María Pazos: que a meirande parte das persoas que se xubilan con cotizacións de entre 15 e 25 anos son mulleres.
Lembremos a historia: ata a Lei 24/1997, con 15 anos cotizados se cobraba o 60 por 100 da pensión. Con 35, o 100 por 100. E, entre os dous extremos, o tipo acrecía en dous puntos por ano. Na Lei 24/1997 se estableceu a percentaxe no 50 por 100 aos 15 anos. Dos 15 aos 25 subía 3 puntos por ano ata chegar ao 80 por 100. E, dos 26 aos 35, 2 puntos por ano ata chegar ao 100 por 100. Lóxicamente, a reforma do 97 diminuiu a pensión ás persoas que se xubilaban con cotizacións de entre 15 e 25 anos, é dicir, a un colectivo feminizado. O impacto adverso para as mulleres era obvio. E agora, no Acordo, outra vez se perxudica aos e ás cotizantes con carreiras máis achegadas aos 15 anos. Porque lles deixa de crecer o 3 por 100 ao ano a pensión. Este colectivo perde proporcionalmente máis que o que ten cotizacións superiores aos 25 anos. Xa que logo: unha medida en aparienza ortodoxa prodúcelle un perxuízo particular ás mulleres. É doado de entender.
Segundo argumento:  esta “piadosa” referenza a que as mulleres que “interrumpan” a súa vida laboral por nacemento de fillo ou adopción poden adiantar en nove meses por fillo a súa xubilación cun máximo de dous anos, é dicir, non antes dos 65 anos. A medida en si mesma é de difícil interpretación, porque non é claro que vai significar “interrumpir”. Pero, por suposto, as mulleres que non a interrumpen porque xa están en paro, ou as que deciden non interrumpir, senón que se reincorporan ao traballo logo do permiso por maternidade, non poden adiantar a súa xubilación. A medida, por tanto, incentiva que as mulleres se afasten do mercado de traballo e que collan excedenzas longas por coidado de fillo, porque todo o período lles vai computar na xubilación. Noutras verbas: o Acordo fomenta o modelo tradicional de familia na que o home traballa e á muller lle “toca” o labor de coidado. Xusto o contrario do que se fai na “Europa civilizada”.
Por favor, leede o artigo de María Pazos. É máis instrutivo que esta entradiña. Pero permitídeme que engada que habería que introducir medidas que fagan que ás mulleres lles pague a pena traballar. E medidas que lles dean de verdade unha situación de igualdade na Seguridade Social. Unhas liñas de traballo nas que moitos Estados europeos -vg., Suecia ou Dinamarca, pero tamén Italia ou o Reino Unido- nos levan moita, moitísima ventaxa na reflexión e na posta en marcha de políticas prácticas.

6 feb 2011

A MALDADE DO ACORDO SOCIAL E ECONÓMICO

Á marxe de certos contidos conxunturais de emprego, o Acordo asinado esta semana é un conxunto de lugares comúns en case todas as materias, con pouco contido substantivo. Cómpre detectar, iso si, unha notable influencia da patronal dirixida por Rosell no apartado de negociación colectiva, na que xa se albisca a un negociador moi intelixente. O asunto de relevo consiste, desde logo, na pensión de xubilación. E na mesma o que se comproban, logo dunha primeira lectura do Acordo, son durísimas medidas de recorte, das que non cabe facer outro comentario que o que xa se está espallando estes días nos ámbitos da esquerda real: que o pacto é unha coitelada nos dereitos da clase traballadora. Hoxe únicamente vou expresar uns comentarios da xubilación anticipada, da que, na práctica, se pode dicir que desaparece agás para os traballadores das grandes empresas que regulan emprego coa complicidade da Dirección Xeral de Traballo do Ministerio.
Explícome: dando por suposto que o Acordo se refire en exclusiva ás xubilacións anticipadas ordinarias  -de feito, no 2011 xa desaparece a hipótese de traballadores que, con 60 anos, cotizaran antes do 1 xaneiro 1967-, as mesmas se adían dos 61 aos 63 anos e se esixen dous anos máis de cotización –dos 31 aos 33-. Pero, ademáis, se endurece, á marxe do número de anos de cotización que se acrediten, a penalización por xubilación anticipada. No caso, por exemplo, dos traballadores que se queiran xubilar aos 63 anos, van perder un 30 por 100 da pensión, aínda que leven máis de 38 anos cotizados.
Iso ata sería lóxico nos casos de xubilación anticipada ordinaria voluntaria. O Acordo exceptúa certas situación de crises que non está claro como se van definir, pero un se teme que únicamente vai ser pola canle de grandes ERES que afecten a empresas dimensionadas. Para as pequenas empresas, cómpre esperar o peor.
Na meirande parte dos casos, os traballadores de man de obra directa xubílanse anticipadamente porque perden os seus empregos por despedimentos, haxa ou non situación de crisis de empresa. Estes colectivos, aos que xa hai anos –con certa lóxica- se lles pecharon as portas para acceder á incapacidade permanente contributiva, se lles pechan agora para a xubilación anticipada. O problema non é que perdan un 30 por 100 da pensión de xubilación –o que supón outra trabada no cálculo da súa escuálida pensión, pouco proporcionada as máis das veces ao seu xeneroso esforzo contributivo-. O peor é que o Acordo expresa que ata os 67 anos non terán acceso aos complementos de mínimos, agás, de novo, esa referenza ás xubilacións derivadas das situación de crise que non se definen.
Polo tanto, a estes colectivos amplos expulsados do mercado de traballo se lles confina nunha situación de absoluta precariedade laboral e social. Por máis que, se a retórica “contributivista” que latexa no Pacto de Tledo fose real, lles debería corresponder unha pensión elevada. Alguén dirá que ata os 67 anos sempre lles queda a canle da Renda Activa de Reinserción. Se non fose porque aos traballadores desas idades, sinxelamente, non se lles quere no mercado de traballo. A inseguridade e a pobreza de moitos colectivos de persoas está servida, grazas aos asinantes deste Pacto.