20 ene 2012

SEMELLA QUE A GALIÑA AZUL PON OVOS DE OURO

No Consello da Xunta de onte 19 xaneiro, como ven sendo norma, o Goberno cometeu outro despropósito que pon de manifesto a súa incompetencia, incapacidade, insensibilidade e falta de análise acaída da realidade. Desta volta, un despropósito e un atropelo que lles afecta singularmente ás mulleres traballadoras. Esta vez tocoulle ás “escolas infantís” dependentes dunha escura Consellería rexida por unha persoa incompetente –unicamente hai oito Consellerías que respostan a este perfil-.

Trátase do incremento dos prezos públicos das mesmas, cunha suba media do 19’2 por cento. Non é un erro, non, DAZANOVE COMA DOUS POR CENTO! É a cifra que se expresa na web oficial da Xunta, coa disculpa de que non se actualizaba desde o 2002, polo que sube 7’8 puntos menos que o IPC. Ademáis, exclúese ás familias que cobren menos de 1200 euros –suponse que ao mes-. E engádese –poño as comiñas logo de ir ao wáter a botar un vómito- que “o obxectivo deste texto é establecer un sistema que garanta a atención dos que menos recursos teñan, e que prevexa, ao tempo, un maior esforzo para aqueles que contan con máis recursos”.

Falemos claro: a Xunta de Galiza renuncia ao cumprimento dos obxectivos do Cumio de Barcelona do 2002 canto ao número de garderías e de nenos cubertos –un terzo, esixíase nese ano-. A Xunta de Galiza considera que non é prioritaria a dotación de prazas públicas de gardería como elemento de empregabilidade de certos colectivos con dificultades de acceso ao mercado de traballo –mulleres con fillos de curta idade-, en absoluto descoñecemento das directrices de emprego da Comisión Europea e da Estratexia Europa 2020. O Goberno da Xunta quere que ás mulleres con traballos non cualificados non lles pague a pena traballar e pasen ao paro –pénsese nun modelo familiar tan “excepcional” como un home que traballa cun salario de 800 euros e unha muller que teña un salario perto do SMI” (segundo a xustificación da Xunta, esta familia ten que ser solidaria cos que menos teñen, ou que a muller deixe de traballar, porque lle vai saís máis a conta estar na casa)-. Á Xunta non lle interesa absolutamente nada a conciliación da vida familiar e laboral. Por extensión, á Xunta non lle interesa nada a discriminación que sofren as mulleres galegas. Claro, estes cartos son os que van valer para rematar o Gaiás.

Eu xa non lle prego nada á Xunta. Non agardo nada dela. Unicamente agardo que o pobo outravolta sexa país e bote a esta xente co seu voto. Se non é así, e canto antes, adeus para sempre ás políticas sociais! A dereita únicamente quere unha beneficencia para pobres. Non cidadáns e cidadás dignas que traballen arreo polo noso futuro colectivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.