19 jul. 2013

MURU

Antonte morreu unha das persoas que máis engrandeceron a profesión de avogado en Galiza, José Luis Muruzábal. Morreu o avogado, o sindicalista, o home solidario e integrador. Unha persoa auténtica á que nunca lle faltaron folgos para emprender as causas máis complexas. Coñecino no ano 90, cando me permitiu acompañalo aos xulgados de Santiago para aprender del. Daquela a nosa relación foi breve, porque axiña centrei meus esforzos na carreira académica e a tese doutoral. Quedoume a mágoa dunha relación truncada pola miña escolla, sen que eu lle dera explicacións abondas.

Pasados os anos, amizades conxuntas nos reuniron de novo. A xente da CXTG –Burgos, Tellado, Acuña- puxéronnos en contacto para xuntar nosos esforzos en conflitos imposibles. A miña colaboración desde unha perspectiva máis teórica de informes constituiu un pequeno apoio –así o creo- nas súas defensas de colectivos sinalados. Sen dúbida algúns dos asuntos dos que me sinto máis  orgulloso de ter intervido –por exemplo, no dos veterinarios de AVESGA- foron prantexados e defendidos por el. Aprendeume que os casos máis difíciles son os que realmente paga a pena gañar. Ou perder, como tamén nos sucedeu alguna vez –como no caso dos traballadores de LIMEISA- pero sempre coa convicción de defender unha causa xusta.

A coincidencia de que as nosas donas foran as dúas de Ribadeo xuntounos algunhas veces no verán para xantar ou pasear. A miña derradeira lembranza del é diante da Bugalla, o ano pasado, tomando un viño coa ledicia da enfermidade aparentemente superada. Ese optimismo vital do home que aínda tiña mil retos que afrontar e outros tantos traballadores que defender. De feito, aínda lle están chegando recursos gañados no Tribunal Supremo de moitas cesións ilegais da Xunta de Galiza. Así o puiden ver hoxe cando, distraído, puxen seu nome nas bases de datos de sentenzas.

Estos meses souben do agravamento desta enfermidade maldita polo seu amigo Luis Burgos. Non era eu o suficientemente achegado a el como para entrar na súa intimidade nestes últimos tempos. Ata antonte, cando me chegou a esperada mensaxe de SMS. Cando menos, os periódicos e internet regaláronme a súa imaxe unha vez máis. Dese home que contaxiaba optimismo e enerxía.


É case seguro que non vou escribir máis del. Pero tamén que o meu silencio non será sinal de esquecemento, senón de mágoa pola perda dalguén ao que moito admirei. E de mágoa de non terlle aceptado algún dos proxectos nos que me quixo embarcar. Morreu o home, pero fica en pé o símbolo. E a miña memoria será teimuda. Penso que a de moitos outros tamén.