10 sept 2013

A CONSTITUCIÓN SEGUNDO GARCÍA-MARGALLO

O xefe da diplomacia española ven de expresar no “Foro España Internacional” que a Constitución de 1978 só ten dous artigos, o demáis é literatura. Eses dous artigos son os que expresan que a soberanía reside no pobo español e que a Constitución fundaméntase na indisolúbel unidade da nación española. Un non ten xa moita capacidade de sorprenderse. A Constitución española non é unha boa peza literaria. Tería que recomendarlle ao ministro de Foreigh Affairs un par de libros para que aprendera literatura. Suxírolle que lea a Stefan Zweig como antídoto contra as súas ideas extremistas. O que sorprende –¡bah, non tanto, xa que García-Margallo milita no Partido Popular!- é que lle pareza literatura a declaración de dereitos fundamentais e liberdades públicas, os dereitos e deberes dos cidadáns, os principios xerais de política social e económica, a organización autonómica do Reino de España… Por iso a un xa non lle sorprende unha declaración deste tipo. Se García-Margallo estudara Educación para a Cidadanía, que o seu colega Wert lle vai escatimar, sabería que o máis importante que hai no noso modelo de convivencia é sermos un sistema de dereitos fundamentais e liberdades públicas. É o primeiro que eu lles transmito aos estudantes de Dereito na miña aula. Os alicerces da nosa convivencia. O concepto colectivo de pobo español como depositario de soberanía é algo importante na Constitución. A min non me gusta nada. E menos aínda a “indisolúbel unidade da nación española”. Os dereitos colectivos dos pobos amólanme. Outra cousa ben distinta son os dereitos colectivos dos traballadores ou das persoas desfavorecidas por discriminacións. Con todo, forma parte dun texto que hai que aceptar, porque é o que hai. O que me parece incríbel é que se postule como defensor da Constitución alguén que dí que os dereitos fundamentais son literatura e que se nos considere como sospeitosos aos que aceptamos a ragañadentes a indisolúbel unidade da nación española, pero facemos bandeira de defensa dos dereitos fundamentais como núcleo esencial do noso pacto de cidadanía. O discurso de García-Margallo é perigosísimo por esencialista, con este cheiro feixista de España como unidade de destino no universal. Hai unha evidente identidade de pensamento entre eses cachorros que exhiben símbolos falanxistas e as declaración do ministro. Que alguén con este pensamento dirixa as nosas relación exteriores é para tremer. Aínda que é un paradoxo que un ministro da cousa exterior fale das relación Cataluña-España. A min non me gustaría que Cataluña acadara a súa independencia. España sen Cataluña pode ser unha entidade irrespirábel. Quero aos irmáns e irmás catalás, quero a súa historia, a súa literatura e a súa identidade como pobo. Pero admito e defendo que a súa vontade democrática é e debe ser o único fío de pertenza ao Estado español, nunha convivencia cívica e democrática. Non entendo unha obriga de pertenza pola imposición dos demáis. Eu, desde logo, rexeito imporlles ren. Que ninguén diga o contrario no meu nome!