6 ene 2014

INTIMIDADE E DEREITO DE DEFENSA: O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL OUTORGA O AMPARO POR VULNERACIÓN DO ART. 24 CE

Unha sentenza do Tribunal Constitucional do 16 decembro 2013 dita doutrina que, por máis que obvia, resulta especialmente clarificadora e necesaria nos tempos que corren. Deixando á marxe outros aspectos colaterais, a cerna da controversia referíase a unha traballadora que fora despedida por substraer certas cantidades de diñeiro. O problema é que a proba fundamental da empresa acreditativa dos feitos fora unha gravación de DVD, sucedendo que a suposta sustracción se producira nunha dependencia que facía as funcións de vestiario. Ou, máis ben, tales funcións eran obxecto de controversia. Varias testemuñas afirmaban que estaba destinada en exclusiva a servizos de oficina. Pero, segundo a demandante, a gravación incluía pasaxes nas que quedaba acreditado que servía aos fins alegados de vestiario. Nestas condicións, a demandante interesara a nulidade da proba por se practicar en vulneración do seu dereito fundamental á intimidade. O que sucede é que a controversia non xirou ao redor do dereito fundamental do art. 18 da Constitución, senón do art. 24. O órgano de instancia únicamente se serviu, aos efectos da acreditación das funcións do espazo físico obxecto da gravación, da proba testifical. Canto á gravación, únicamente aceptou, mais as suxestións e protestas da parte demandante, o visionado das partes relativas ao furto. Nestas condicións, e logo do percorrido infrutífero pola xurisdicción ordinaria, a traballadora insta amparo constitucional porque a denegación da proba consistente no visionado doutras partes da gravación lle produciu indefensión. Ademáis, porque logo do interrogatorio do letrado do parte demandada á traballadora demandante, a maxistrada atuante non permitira pregunta algunha á súa cliente por parte do avogado da traballadora, en posible contravención do art. 306.1 da Lei de Axuízamento Civil. Por ambos os dous argumentos, o TC outorga o amparo, por vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva. Realmente, a conclusión á que chega o Tribunal non semella complexa na súa fundamentación. O feito de non lle admitir o visionado íntegro do DVD lle produciu á parte demandante a imposibilidade de acreditar un feito que logo era clave na suposta vulneración do dereito á intimidade: que as dependencias onde foi gravada servían aos fins de se cambiar de roupa, de feito que a utilización de sistemas de videovixianza supuña unha desproporcionada intromisión no seu dereito á intimidade. Asemade, é obvio que a negativa a formular calquera tipo de preguntas por parte do avogado da traballadora, sen ter en conta o contido das mesmas, era unha vulneración da lexislación ordinaria, pero con trascendenza constitucional. O TC actúa, acaídamente, con cautela. Non expresa que se tería vulnerado o dereito á intimidade no caso de que as dependencias foran utilizadas como vestiario. O órgano de instancia tería, nese caso, que ponderar os dereitos en xogo, tendo en contra a posible pluri-utilidade da sala onde foi feita a gravación e as circunstancias nas que se instalara o sistema e nas que se practicara a mesma. Pero entende que o visionado parcial do DVD decidido pola maxistrada privou á traballadora de toda posibilidade de atacar a validez da proba. A sentenza na súa lectura é interesante e recomendable. En particular, para as persoas titulares de órganos de instancia. Que moitas veces, pola premura coa que actúan incurren en certo desleixo no coidado dos dereitos fundamentais. É, desde logo, unha chamada de atención para que incrementen a súa sensibilidade garda dos mesmos. E, nun tempo ermo de boas novas que procedan do noso Tribunal Constitucional, esta sentenza reconforta e mitiga a distancia afectiva que moitos vamos tomando con el.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.