26 feb 2014

ABRAIADO



Entre as novas que hoxe puiden ler nos periódicos me deixou aparvado que os pregos dos contratos administrativos para a colaboración das axencias privadas de colocación e empresas de traballo temporal co Servizo Público de Emprego para a inserción de persoas desempregadas incentivan a ditas entidades por denunciar exitosamente irregularidades por parte dos desempregados. E que o incentivo é do 15 por 100 do que cobrarían pola inserción da persoa denunciada, aínda que non sexa insertada de xeito efectivo.

Non vou valorar a posición de Dª Soledad Becerril, porque non é o tema importante, por máis que na mesma hai elementos que compriría criticar. O que quero é expresar miña xenreira co Ministerio de Emprego e Seguridade Social e coa manda de desaprensivos que o dirixen. Desde logo, é unha evidente malversación de caudais públicos adicar achegas que compriría destinar a políticas activas de emprego a fins ben diferentes. E, de paso, animar ás axencias privadas de emprego a que adiquen seus esforzos ao lucrativo negocio de persecución dos desempregados –cobren ou non prestacións ou subsidios-. Mesmo un ten a sospeita de que logo se vai avaliar a eficacia das axencias de colocación en termos de loita contra o fraude e non de colocación efectiva de persoas desempregadas.

Así o confirma a cláusula 23, referida ao seguimento dos contratos administrativos, segundo a que o adxudicatario comprométese a aportar información periódica e actualizada encol de posibles irregularidades, incidencias no cumprimento do compromiso de actividade ou percepción indebida de prestacións. É a mesma lóxica de apoderar aos servizos privados de seguridade para actuacións represivas que se contén non anteproxecto de lei de seguridade cidadá. As entidades privadas como substitutos dos corpos inspectores, neste caso. Todo iso, por suposto, en detrimento da súa eficacia como axencias de emprego.

É un rasgo moi característico da dereita máis autoritaria o establecemento de policías paralelas e de sistemas privados de control. Un non discute que hai que loitar contra o fraude no acceso e no mantemento da cobertura económica por desemprego. Pero entende que na situación dramática que vivimos hai que centrar aos servizos de emprego, públicos e privados, na súa xenuína labor.

E de paso, preguntarmos: que aportaron os servizos privados de emprego? Aparte, por suposto, de lucrativos negocios mesmo fomentados pola lexislación de urxencia do 2013. Os servizos de emprego privatizados e concertados co sector privados, son mellores que o que tiñamos antes? Están amosando unha maior eficacia? A resposta, para min, é clara e rotunda: NON, NON e NON. Están, simplemente, para gañar cartos, non para insertar laboralmente a ninguén. Nestas condicións, gañamos algo co cambio? Seméllame obvio que non.

Desde logo, son o primeiro que recoñecín importante abrir ao sector privado o servizo de intermediación laboral. Pero sempre medindo a lexitimación deste en termos de eficacia. Porque, se non é máis eficaz que o servizo público, mellor sería que se mantivese o monopolio público. Claramente, non contradiría o Dereito europeo da competencia, como recoñece o Tribunal de Xustiza. Nesta situación actual, os tempos son chegados de reivindicar que se limite a actuación das axencias privadas e das empresas de traballo temporal. Porque, lonxe de mellorar a situación dos desempregados, e en particular dos máis vulnerables, a están perxudicando aínda máis.

E, por suposto, o incentivo do Ministerio é unha caza de bruxas que pon de manifesto o máis cutre e vil dos políticos que hoxe padecemos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.