1 mar 2014

TEMPO DE INCERTIDUMES

A infancia é a miña patria
verdadeira.
O meu paraíso perdido.


Ven a conto o inicio deste poema de Manuel María “da infancia perdida” para expresar o desacougo que sinto nos tempos actuais, nos que as seguridades todas desapareceron, para darlle paso a moitas dúbidas que sinto como xurista do Traballo. A liña divisoria entre o bon e o malo, entre o aconsellable e o rexeitable, non é nidia en moitas ocasións. E isto me sucede cada vez máis, sen dúbida como sinal do paso do tempo. No campo das políticas de emprego, enxergo un Goberno ineficaz, ineficiente, atolado e sen perspectiva do que hai que facer. Nestas condicións, o máis doado sería criticar unha por unha todas as súas iniciativas, sen máis. Pero un tamén sinte a necesidade de formular a dúbida, aínda que sexa para prantexar un debate que coido que é necesario.

Hoxe, sábado, o día despois do Consello de Ministros se publicou –como non!- outro Real Decreto lei, o 3/2004, de medidas urxentes para o fomento do emprego e a contratación indefinida. A súa medida case exclusiva é o que se deu chamar a “tarifa plana” de cotización nos contratos indefinidos, de contía básica de 100 euros ao mes para a contratación indefinida. En termos xerais, a norma ten moitos defectos na súa concepción técnica, pero iso non é o que me preocupa agora. Desde logo, a súa feitura é moi mellorable, e mesmo habería que preguntarse se non sería moito mellor incentivar en exclusiva ás empresas que acadaran certas percentaxes de contratos indefinidos.

Con todo, o incentivo por cotizacións á Seguridade Social dos contratos indefinidos non é unha política, en liña de principio, que se deba criticar. O que sucede é que se aproba nun contexto que fai dubidar das verdadeiras intencións –se é que existe algunha- do Ministerio de Emprego. Desde que o RD-lei 20/2012 realizara unha poda bastante necesaria de moitas medidas de incentivo, por desgraza estas volveron crecer como as silveiras. Hai que recoñecer que moitas delas, dirixidas ao colectivo dos desempregados novos, se sitúan na estratexía europea da garantía da mocidade e, xa que logo, se financian con achegas finalistas da Unión Europea. Pero non cabe dicir o mesmo de todas as demáis que, de xeito asistemático, agromaron coa lexislación de emprendedores.

Tampouco se entende por que se incrementaron as cotizacións coa reforma da normativa relativa ás súas bases, e con certas reglas de autónomos que encarecen substancialmente as bases mínimas, e ao pouco tempo se introduce esta tarifa plana. Case daría a impresión de que o Goberno quere disuadir do emprendemento.

En termos xerais, a materia das cotizacións e dos seus incentivos precisaría dunha discusión xeral e dunha maior sistematicidade. Desde logo, recén aprobado o factor de sostibilidade e a consecuente rebaixa do poder adquisito das pensións, xustificadas estas medidas nos problemas estruturais que a longo prazo vai ter noso sistema, as iniciativas de reducción das cotizacións requerirían de máis reflexión e explicación.

Iso non significa que as normas que favorezan a contratación indefinida non deban ser defendidas. E, desde logo, a bonoficación temporal nas cotizacións é unha ferramenta acaída, que non cabe desaconsellar sen máis. Desde logo, ailladamente considerada, non me parece nen moito menos a medida menos aconsellable.

Con todo, o seguemento das medidas que se van producindo produce moitas dúbidas e pouca certidume. Estamos cada vez máis lonxe das seguridades discursivas que nalgún día acreditamos ter. Pero esas seguridades pasaron para sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.