9 ene 2016

MANUEL MARÍA








Xa van máis de once anos do seu pasamento! Que no 2016 se lle recoñeza e se lle faga homenaxe no Día das Letras Galegas chega un ano tarde, sen que no ano 2015 se lle adicara o 17 de Maio a alguén que pertencera ao noso marco de convivencia. Tamén por iso é un sinal de esperanza o recoñecemento ao poeta de Outeiro de Rei. É o anuncio de que por fin vamos rematar con estes anos abafantes de loita contra a lingua patrocinada desde unha Xunta inimiga de Galiza. Un Goberno que incumpriu con todas as súas forzas o art. 8 da Carta Europea de Linguas Minorizadas sen que, por desgraza e ata hoxe, as instancias da UE tomaran decisións ao respecto. Pero cómpre agardar que axiña se faga pública algnha declaración de condenación!

Coido que nos toca á xente que queremos noso País unha pequena responsabilidade no espallamento de alguén que é cumio das nosas letras e tamén da defensa da nosa identidade como pobo, namentres outros os represaliaban desde as súas procuradurías franquistas. Eu non o coñecín persoalmente pero admireino moito. Sen dúbida o seu desprezo aos profesores de Dereito a finais dos anos corenta e principios dos cincuenta arrastrouno máis polo mundo da literatura que polo xurídico. E certamente tiramos proveito desda circunstancia.

Onte e hoxe, nun fin de semana no que o vento e a chuvia nos varren, nun xaneiro que é “Compendio de Orballos e Incertezas” deume tempo a rescatar este poema para dicirlle a dúas lagoas:


As raiolas, aínda puras, do luar
As raiolas, aínda puras, do luar
caían mainamente sobor
da pel da Lagoa de Cospeito
poñendo un nimbo de luz case irreal

na auga, nas cousas e no mundo.

É como se nevara na nosa intimidade
e se nos voltara branca a propia
escuridade e a conciencia
se sulagara nun mar de mesta néboa
ou nun xardín de rosas desfolladas:
o seu recendo, doce e penetrante,
tíralle crueldade e amargura a todo
aquello que nos manca e nos fire.
Quixera quedar sempre, sempre
neste enlevamento que me ten,
esbarar levemente sobre as cousas
e andar polo mundo case sen tocarlle
cun nidio resplandor de vagalume
como as máxicas raiolas do luar
na lexendaria Lagoa de Cospeito.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.