17 abr 2018

HAI QUE DEFENDER AS ESTRUTURAS REPRESENTATIVAS UNITARIAS






Hoxe saín de clase logo de discutir coa xente que asistiu, na súa maior parte representantes dos sindicatos e das empresas, de acción sindical na empresa. Foi un debate construtivo no que se expresaron argumentos diferenciados e se falou de modelos, de estratexias e de niveis de protección. Pero un debate no que se constatou, básicamente, o inestabeis que son os piares xurídicos da dita acción sindical, as sutís diferencias entre o contido esencial e o contido adicional da liberdade sindical e a dependencia que o noso modelo ten das estruturas representativas unitarias.

Ven todo isto a conto desa corrente predominante de opinión no noso mundo das relacións laborais de darlle máis protagonismo á acción estritamente sindical en contraposión á dos comités de empresa e delegados de persoal. Opinión que defende diminuír as competencias dos comités de empresas, retirarlles a lexitimación para negociar convenios colectivos de empresa e convertilos, en termos xerais, en órganos subalternos de participación colaborativa coa empresa.

Xa expresei en moitas ocasións a miña discordancia con ditos puntos de vista. Fíxeno desde a convición dos seus perigos e da ameaza que supón para o noso modelo de relacións laborais. O divorcio entre lexitimación para negociar e cómputo da representatividade seméllame un perigo importante de que a representatividade mesma entre en crise. E, con ela, a propia esencia e existencia de sindicatos de clase fortes e representativos que se sustenta nun equilibrio delicado. A nosa tradición representativa foi construída desde a acción dos comités de empresa e delegados de persoal, sen que, na realidade, existise unaha concorrencia efectiva entre as estruturas representativas sindicais e estatutarias.  Ademáis, as reglas que contén a Lei Orgánica de Liberdade Sindical nos seus arts. 8 e seguintes se estableceron pensado en que a actividade representativa de seccións e delegados era suplementaria e non alternativa da do Título II ET, como se reflicte con toda claridade nos restritivos preceptos que incorporan contido adicional ao dereito do art. 28 da Constitución. Non se pode negar que darlle primacía ás sección sindicais requeriría ceibalas da súa atadura aos comités de empresa e, en particular, reformar ditos preceptos da LO 11/1985 en liña de reforzo da presencia e dereitos dos delegados sindicais.

Tamén argumentei que o noso sistema sindical, aínda que non favoreza unha expansión grande das taxas de afiliación sindical, si que produce un mantemento das mesmas. É dicir, actúa como un estabilizador das nosas percentaxes afiliativas, como se constata con datos comparados. En efecto, nos últimos anos, en particular coa gran crise económica, se manifestou unha resistencia ao desplome das mesmas que, lonxe de diminuír, se mantiveron e memos creceron un pouco, ata se situar lixeiramente por riba da media dos países da OCDE. Teño a impresión de que rebaixar a entidade e as competencias dos comités de empresa poría en perigo este ecosistema delicado.

Ademáis, a discusión de hoxe foi un testemuño claro de que o noso dereito non está preparado para este cambio. Hai enormes espazos de inseguridade xurídica relativos ao papel, competencias e garantías das seccións sindicais. Hai unas liñas xurisprudencias do noso Tribunal Supremo sumamente restritivas na interpretación, en particular, do art. 8 da LOLS. A xurisprudencia tradicional do Tribunal Constitucional foi moi dubidosa e nada bo se pode esperar deste órgano na súa composición actual. A actuación das sección sindicais das organizacións menos representativas é, na práctica, inviábel. En resumo, máis que impulsar unas relacións colectivas máis dinámicas, as correntes de cambio poden supor todo o contrario: un golpe de morte ao noso modelo sindical.

O outro día comentaba cunha amiga miña de hai moitos anos que nós os dous éramos persoas diverxentes. Nestes anos non é doado dicir que un é conservador do noso sistema colectivo de relacións laborais. Implica recoñecer certo grao de diverxencia con isto que se deu en chamar o mainstreaming. Pero tamén é certo que os modelos se constrúen moitas veces con posturas minoritarias.

Por diverxer dos meus amigos de Parapanda, a foto que poño é a de Pablo Iglesias. Tanto ten. No fondo, estou a levarlle a contraria a moitos dos meus amigos da UXT.